Bob Dylan levou o rock á idade adulta

CULTURA

O músico Bob Dylan (nacido Robert Allen Zimmerman en Duluth, Minesota, o 24 de maio de 1941), nunha  imaxe tomada durante a xira que realizou en 1975 por Estados Unidos «The Rolling Thunder Revue»
O músico Bob Dylan (nacido Robert Allen Zimmerman en Duluth, Minesota, o 24 de maio de 1941), nunha imaxe tomada durante a xira que realizou en 1975 por Estados Unidos «The Rolling Thunder Revue» EFE

O cantante e compositor de Minesota cumpre hoxe 80 anos

24 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a Academia Sueca decidiu darlle o Nobel de Literatura a Bob Dylan, non estaba cedendo a unha excentricidade, senón que estaba recoñecendo un poeta. Quen se achegue pola magnífica edición que no 2017 fixo o selo Malpaso baixo do título, clarísimo, Letras completas 1962-2012 e se deteña a ler, só a ler, esas letras entenderá que estamos diante dun bardo á altura dun Walt Whitman. Pensarán que esaxero. Pois non. Para nada. De vivir Borges, que adoraba a Whitman, daríame a razón. Porque poucos coma Dylan construíron poemas para reflectir unha época (aínda que o seu traballo é tan longo no tempo que el reflicte séculos) construíndo versos que cheiran a realidade e que nos dan iso que nos ten que dar a poesía: unha certa orientación sobre que é o que hai dentro da alma humana.

Dylan aprendeulle aos roqueiros, aos músicos populares en xeral, que a letra é importante, que non abonda con rimar. Iso faino calquera. A letra é importante porque a música non é só para bailar (Charlie Watts, o batería dos Stones non estaría dacordo comigo: el di, modesto ou repugnante, que só é o rapaz que toca o tambor no grupo para que a xente baile). A música, dende Dylan en diante, ten que conmover, ten que remexer, ten que furar esternos, ten que volverte tolo ou axudarte a ser máis ti. Ou menos. Sen Dylan non hai cantautores. Sen el, a palabra nos discos é baleiro puro.

The Beatles, por exemplo, era un grupo que facía boa música pero letras moi parvas ata que Dylan aparece nas súas vidas. Quen colleu a testemuña foi, como non, John Lennon. Logo xa foron os outros tres. A lenda di que Dylan os iniciou na marihuana. Pode ser. En todo caso, non ten importancia. O que interesa para a historia é que un día o escoitaron e xa nada puido ser igual. Aínda que a influencia vai e vén de Liverpool a Minesota e dá a volta. Bob Dylan contou que ía conducindo o seu coche por unha desas estradas infinitas e rectas dos Estados Unidos cando escoitou na radio I wanna hold your hand e quedou pampo con toda aquela forza rebotándolle dun lado a outro do cerebro. Ese día, comentou, entendeu que si, que The Times They Are A-Changin’. E nese cambio, el tiña moito que dicir. De feito, segue dicindo aos seus 80 anos

Diciamos: os Beatles. Atópanse con Dylan un 28 de agosto de 1964. O mundo está sacudido pola beatlemanía, pero aos Fab Four lles falta algo. Faltáballes Dylan. Foi, como non, en Nova York. Os catro de Liverpool viñan de actuar en Queens.

Houbo porros, seica, xa o dixemos. Pero sobre todo o nacemento dunha amizade (en especial con Harrison, con quen compartiría o soño de The Traveling Wilburys) e a comprensión de que o rock tiña que aproveitar o seu poder para dicir algo importante.

Así pois, con Dylan, o rock vólvese adulto. Vólvese arte. Xa non é só ritmo, rapazas histéricas e o tupé de Elvis. Hai que currarse as letras. Os compositores pasan a ser escritores.

Lennon cambia

Logo desa primeira xuntanza, Lennon xa non escribe igual máis nunca. O primeiro que fai logo desa xuntanza é You’ve got to hide your love away. Ata no xeito de cantar, case que coa boca pechada, imita a Dylan. A letra é a primeira seria. Logo xa virán Revolution ou Come together (despois, en 1970, Lennon cantará I don’t believe in Zimmerman, que é como de verdade se apelida Dylan, pero non hai que terllo moi en conta. Daquela, Johnny estaba enfadado co mundo todo).

Dende Dylan escoitamos a música. Non só a ouvimos. Quedamos abraiados logo dunha frase. Ás veces atopamos secuencias de palabras que nos demostran que o rock’n’roll non é só un pasatempo. Por culpa de Dylan o rock necesita comentarios de texto, análises semióticas e moita filoloxía. Bob Dylan, grazas a todos os deuses, ten a culpa de case que todo.