Acaba de publicar unhas memorias quen, hoxe por hoxe, en Galicia, encarna, como ninguén, a condición de filólogo: Darío Villanueva. É o filólogo que ten achegado a este saber, tan amplo, páxinas moi relevantes nos eidos da historia e crítica literarias, no da Teoría da Literatura, no do comparatismo, no da xenética textual e no da semiótica. Por se fose pouco, ten estado tan atento á lingüística que, sendo aínda estudante, sorprendeu á profesora Carmen Bobes cunha cita de Saussure sobre a semioloxía («ciencia que estuda os signos na vida social»).
Publicáronse estas memorias, pola Universidade de Santiago, co título hesiódico De los trabajos y los días, e co subtítulo Filologías. Confeso que eu preferiría o de Memorias filológicas. Pero esquezo este reparo cando vexo na cuberta do volume, como ornato moi significativo, o nome dunha rúa de Compostela que desemboca na vella Universidade: Tránsito dos Gramáticos.
Na primeira parte do libro, o memorialista debrúzase sobre aqueles nomes cos que está en débeda intelectual ou cos que tivo unha proveitosa relación profesional: Moreno Báez, Carmen Bobes, Lázaro Carreter, Umberto Eco, Francisco Ayala, Zamora Vicente, George Steiner... Nesta parte aparecen nomes moi importantes do humanismo e do galeguismo, dous nomeadamente: Domingo García-Sabell e Ramón Piñeiro. De García-Sabell, a quen admira moito, lembra con precisión Villanueva o impacto intelectual que fixo nel unha conferencia súa de 1968 sobre o pintor suízo Paul Klee.
A terceira parte deste volume acolle o currículo, inxente, de Villanueva (80 páxinas), onde, asombrando moito a cantidade de libros e traballos publicados, non asombra menos o tempo dedicado á dirección de institucións importantes (reitor da USC, director da RAE...) e á coordinación de revistas e outras publicacións. Foi no 2018 cando, na Moncloa, asinou, como director da Real Academia Española, un acordo histórico para a proxección cultural -e económica- do idioma español: estaban presentes Pedro Sánchez, presidente do Goberno de España, e Xi Jimping, presidente da República Popular (e capitalista) de China.