Don Paco, candidato ás Letras Galegas

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

M. MORALEJO

A corporación municipal de Lourenzá elevará unha proposta á RAG para homenaxear no 2022 ao escritor e fundador de Galaxia, que apoia o Concello de Vigo

29 may 2021 . Actualizado a las 08:35 h.

Non hai tempo a parar. Nin en pandemia. A roda xira, tamén na cultura. Non pasaron dúas semanas da xornada en que a poeta sarriá Xela Arias encarnou a gran festa da lingua galega, e, cos ecos aínda moi vivos, vivísimos, xa se empeza a falar de quen debe ser a figura agasallada o ano que vén. Un dos primeiros actores en mover ficha foi o Concello lugués de Vilanova de Lourenzá, cuxo pleno debaterá este luns unha moción presentada conxuntamente polos tres grupos políticos que configuran a corporación municipal -PSOE, PP e BNG- para solicitar á Real Academia Galega (RAG) que lle dedique o Día das Letras do 2022 ao ensaísta, narrador, crítico, editor, avogado, tradutor e gran animador da cultura e a lingua Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), intelectual cimeiro e fito do galeguismo histórico. Don Paco, como se lle coñecía, tivo ademais, precisamente, un protagonismo capital na creación en 1963 do Día das Letras.

Piar fundamental -xunto a Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto- na fundación en 1950 da editorial Galaxia, un proxecto clave na restauración cultural de Galicia na posguerra, e director, tamén con Piñeiro, da revista Grial, formou parte da xeración de intelectuais criados ao redor do grupo Nós. Na República fora integrante do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. E cando se constituíu a Federación de Mocidades Galeguistas ocupou o posto de secretario xeral, e ata participou en 1934 no marco do consello galego (a carón, entre outros, de Otero Pedrayo e Plácido Castro) na constitución de Galeusca.

Manuel Arango Ron, segundo tenente de alcalde de Lourenzá, e concelleiro delegado de educación, cultura e normalización lingüística, lembraba onte que non é este o primeiro intento que fan. «Xa o ano pasado presentamos unha iniciativa de modo unánime, pero sen froito; agora insistimos con máis forza e queremos implicar aos demais municipios da Mariña, á Deputación de Lugo, ao Concello de Vigo e á Fundación Penzol, incorporando institucións que lle foron afíns ou próximas no seu traballo», relata.

Tras sinalar toda a independencia e a soberanía da RAG neste asunto -«é unha decisión que debe tomar a Real Academia Galega, polo que calquera iniciativa que adopte ten todo o noso respecto», o alcalde de Vigo, Abel Caballero, enxalzaba a iniciativa da corporación laurentiniana: «A proposta tería todo o noso apoio porque Francisco Fernández del Riego merecería, sen dúbida, esta honra. Sería unha gran noticia polo gran respecto e cariño que lle temos na cidade. En Vigo, Fernández del Riego dá nome á nosa pinacoteca e a unha praza».

Primeiro pleno de xullo

Á Real Academia Galega chegan todos os anos bastantes iniciativas promovidas por concellos, asociacións culturais e incluso persoas particulares en favor dun ou outro persoeiro da cultura, para que se lle dedique o Día das Letras. Pero só alcanzan o primeiro plenario da RAG de xullo as que asuman ou patrocinen ao menos tres académicos de número, que teñen que asinar a súa adhesión á proposta. A semana que vén abrirase o prazo oficial para abeirar candidaturas, que rematará na derradeira semana de xuño. O único requisito de validez que precisan os candidatos é que leven transcorridos dez anos dende o seu pasamento, e, por suposto, que a figura defendida teña probada no seu currículo unha relevante achega á cultura galega e á defensa da lingua.

Ademais de don Paco, nos últimos meses barallábanse outros nomes, aínda que non acumulan a popularidade do autor de libros como Galicia no espello (Ediciones Galicia, Centro Gallego de Buenos Aires, 1954). Son a escritora Filomena Dato Muruais (Ourense, 1856-A Coruña, 1926), o historiador e escritor Florencio Vaamonde Lores (Bergondo, 1860-A Coruña, 1925), o avogado e poeta Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, California, 1987?), o poeta Avelino Díaz Díaz (Santa Comba da Órrea, Riotorto, 1897-Buenos Aires, 1971), o escritor e editor Xosé Agrelo Hermo (Barro, Noia, 1937-Santiago, 2006) e Silvio Santiago (Vilardevós, 1903-Santiago, 1974), Premio da Crítica en 1977 e que soa moito ultimamente.

Fontes da RAG admiten que a de Fernández del Riego é «unha presenza indiscutible», pero, aducen, no plenario de xullo adoitan poñerse sobre a mesa moitos factores secundarios -«como as alternancias, cotas de xénero, xeográficas, de idade e época, de tipos de literatura...»- que fan impredicible o resultado final da votación. «Todo se decide alí, sobre a marcha. E sen apuro ningún», alegan.

Un vigués que nunca esqueceu a súa terra de orixe

O interese de Lourenzá neste seu veciño ilustre, en Francisco Fernández del Riego, non é novo nin oportunista. Pouco despois do seu pasamento, de maneira póstuma, o Concello distinguiuno co nomeamento como Fillo Predilecto. E é que nos días de ferro e chumbo da ditadura franquista, el asinaba moitos dos seus traballos baixo o nome Salvador Lorenzana. Pese a desenvolver a maior parte da súa vida en Vigo, nunca deixou no esquecemento a súa terra de orixe.

O delegado municipal de cultura, Manuel Arango, explica que a casa natal de don Paco áchase na praza porticada de Linares Rivas e que nela loce unha placa -descuberta na homenaxe que se lle rendeu en 1987, na súa primeira visita á vila en democracia, invitado polo Concello- que reivindica o seu labor e a súa figura. O concelleiro quere que «Lourenzá teña un papel moi relevante na cerimonia do Día das Letras Galegas do 2022», e agarda que para o 17 de maio o coronavirus teña remitido e se poida festexar «ao vello uso, ao xeito prepandémico, unha celebración popular na que participen os nenos, os escolares, todos os veciños».