«Cantigas de Santa María» de Afonso O Sabio, o pórtico da Gloria da lingua

CULTURA

Dous intérpretes tocando senllas zanfonas nunha miniatura das «Cantigas de Santa María» do Códice dos Músicos, que se custodia en El Escorial
Dous intérpretes tocando senllas zanfonas nunha miniatura das «Cantigas de Santa María» do Códice dos Músicos, que se custodia en El Escorial

O académico Henrique Monteagudo celebra que Patrimonio Nacional difunda os códices de El Escorial

20 jun 2021 . Actualizado a las 12:35 h.

Hai poucos días saltou a nova de que Patrimonio Nacional ía facer accesible na Rede o contido de dous códices das Cantigas de Santa María que se custodian na Biblioteca do Mosteiro de El Escorial. Trátase dos dous testemuños máis valiosos das Cantigas: o Códice Rico e o Códice dos Músicos. O primeiro deles, que orixinalmente contiña duascentas cantigas, é a edición máis luxosa da obra, mentres que o segundo contén a colección máis completa de cantares, con máis de catrocentas composicións. Ambos os dous presentan o texto das cantigas acompañado das correspondentes notacións musicais e están esplendidamente ilustrados.

O Códice Rico é unha auténtica xoia da iluminación medieval, pois se adorna nada menos que con 1.264 estampas distribuídas en 212 láminas decoradas a toda páxina. Nestas represéntanse os milagres que se contan en cadansúa cantiga, mediante unha sucesión de cadriños ao estilo das bandas deseñadas actuais. O Códice dos Músicos inclúe entre cada grupo de dez cantigas unha miniatura cunha escena musical, dun ou dous intérpretes tocando cadanseu instrumento. En conxunto, as súas estampas compoñen un repertorio extraordinario de instrumentos musicais da época, non moi desemellante ao da orquestra celestial que o Mestre Mateo esculpiu no pórtico da Gloria.

Se imos a un buscador en Internet, tecleamos “Cantigas de Santa María” e seleccionamos “Imaxes”, imos atopar un abano de ilustracións que poden dar idea da riqueza destes códices. Pero calquera que os coñeza sabe que este mostrario non é máis ca un moi pálido reflexo da enorme panoplia de imaxes que atesouran. Por que non circulan máis imaxes das Cantigas? Porque a Biblioteca de El Escorial mantivo ata agora a estraña política de impedir a súa difusión. Unha política que ten poucos parangóns (se é que ten algún) no ámbito das grandes bibliotecas. Sirva de exemplo o que acontece cos outros dous códices das Cantigas de Santa María e cos tres cancioneiros que transmiten a poesía trobadoresca galego-portuguesa (os seus parentes máis achegados en canto á lingua e á arte lírica). A colección de cantares á Virxe chegou a nós en catro testemuños: os dous códices que se gardan -que se agochan- en El Escorial, aos que acabamos de referirnos, mais un que se atopa na Biblioteca Nacional de España (o Códice de Toledo) e outro na Biblioteca Nacional de Italia en Florencia.

O Códice de Toledo é probablemente o máis antigo, contén cento e tantas cantigas e carece de ilustracións. Editouno o Consello da Cultura Galega no 2003 ao coidado de quen subscribe estas liñas, nunha reprodución modesta pero de gran calidade, que se puxo á venda a un prezo razoable. O Códice de Florencia forma parella co Códice Rico, e ía conter duascentas cantigas máis, pero quedou inacabado e sufriu numerosas mutilacións. Ambos os dous están accesibles en aberto en Internet.

No que atinxe aos códices da poesía trobadoresca, tanto o Cancioneiro da Ajuda coma o da Biblioteca Nacional de Portugal, igual que o da Biblioteca Vaticana, poden ser consultados integramente na web. Nisto, as Bibliotecas Nacionais de España, Portugal e Italia e mais a Apostólica Vaticana seguen a política habitual, prestando o servizo público que se espera delas. Entre tanto, o Códice Rico de El Escorial foi obxecto de dúas edicións de luxo, en canto que o Códice dos Músicos nin sequera foi merecente dunha difusión selectiva coma esta. Esta estraña situación foi a que moveu á Real Academia Galega a dirixirse a Patrimonio Nacional para que no presente ano, aproveitando a conmemoración do 800.º aniversario do nacemento do Rei Sabio, se procedese a difundir na Rede as imaxes dos códices de El Escorial. A resposta foi amable pero vaga. Á vista disto, a RAG fixo pública a súa demanda. E, agora, como eco desta, a dirección daquel ente tivo a ben responder de xeito positivo e, confiemos, satisfactorio.

Beneficiarios da difusión a través desa virtual Biblioteca Universal que soñou Borges non imos ser só os investigadores de distintas especialidades, desde a filoloxía á musicoloxía pasando pola historia e as artes plásticas, senón o estudantado de todos os niveis educativos e o público en xeral. O Códice Rico ofrece un inesgotable inventario de imaxes da sociedade daquel tempo, desde reis a labradores, pasando por monxas, anxos, tafures, donas, comerciantes, xudeus..., ademais dunha gran variedade de obxectos (incluíndo un hórreo e unha empanada!), artefactos, vestimentas, escenarios e situacións: barcos, alcobas, armaduras, batallas... Os cadriños deste auténtico pórtico da Gloria da lingua galega cativarán a imaxinación e estimularán a sensibilidade de todo tipo de públicos e, de paso, contribuirán a prestixiar o noso idioma, protagonista -non por casualidade- dunha das máis brillantes empresas librescas da Idade Media europea.

Henrique Monteagudo é profesor da Universidade de Santiago de Compostela e académico da Real Academia Galega