Sara Vila Alonso gaña o premio Illa Nova de narrativa

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Sara Vila Alonso, gañadora do premio Illa Nova.
Sara Vila Alonso, gañadora do premio Illa Nova. Rafa Fariña

A trama de «Oito días sen Eva Cortes» xira arredor da desaparición dunha moza pontevedresa

22 jun 2021 . Actualizado a las 12:19 h.

Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) é a gañadora do premio Illa Nova de narrativa para menores de 35 anos que convoca Editorial Galaxia en colaboración con Ámbito Cultural de El Corte Inglés coa novela Oito días sen Eva Cortes. A obra relata como a xornalista Antía Ubeira, reincorporada despois das súas vacacións, recibe o encargo de cubrir a desaparición dunha moza da súa cidade, Pontevedra. O que nun principio parece a desaparición voluntaria de Eva Cortes vaise prolongando ata causar unha fonda preocupación no entorno da muller. En paralelo, Ubeira implícase no caso, que propicia uns descubrimentos que farán que a xornalista reflexione sobre a súa vida e a súa profesión.

Oito días sen Eva Cortes aborda cuestións como o desexo ou non de ser nai, o poder sobre o propio corpo, a independencia económica, o pracer e a liberdade. O sensacionalismo xornalístico e a xenofobia son outros temas que están presentes na obra, que se proclamou vencedora por unanimidade. O xurado destacou a prosa sólida e o ritmo narrativo da obra presentada por Sara Vila, así como a construción de personaxes poliédricas e a combinación de tres voces narrativas.

Con esta obra Sara Vila debuta na novela, tras gañar no 2016 o primeiro premio do certame de relatos curtos Os Viadutos e, no 2019,o segundo premio Comunicar en Igualdade.