Francisco Velo, o Jran Fran, baixista de Herdeiros da Crus: «O espectáculo de Heredeiros non tiña cabida na ''nova normalidade''»
CULTURA
Primeira xira en acústico da banda de rock de Ribeira en case trinta anos de carreira
30 jun 2021 . Actualizado a las 07:55 h.Unhas das primeiras paradas da nova xira -primeira en acústico- de Heredeiros da Crus vai ser o vindeiro 17 de xullo en Bueu, localidade moi ligada á traxectoria da banda: «É parte da nosa historia. Soa a peloteo barato, pero non. A foto da contraportada de A cuadrilla de Pepa a loba fixémola na Centoleira. Foi o primeiro sitio onde se puxo a primeira cinta de Heredeiros, antes sequera de que saíra o disco. Así como saímos do estudio a probar unha vez mezclado, fomos cenar alí e o puxemos, e logo fixemos as fotos», destaca Francisco Velo, o Jran Fran, baixista do grupo, quen recorda que no Aturuxo de Bueu tamén recalaron as primeiras xiras de Heredeiros, sen esquecer o seu paso polo festival SonRías Baixas. «Para nós, Bueu é un sitio especial. Recórdanos os nosos comezos», engade.
-Tras case trinta anos de carreira, a Xira Angústica vai ser a primeira en acústico de Heredeiros.
-Si. Unha xira enteira en acústico é a primeira que facemos na nosa historia. Temos feito algún acústico puntual en presentacións de discos ou por cuestións técnicas e orzamentarias nalgún bar ou tenda. Nin sequera fixemos un concerto íntegro acústico. Nada do que fixemos se parece ao que imos facer. Esta vez montamos un espectáculo dándolle unha volta aos temas, intentando que algúns soen distinto e outros, parecido.
-Como xurdiu a idea?
-Xurde nunha cidade china, concretamente en Wuhan, alá por finais do 2019. Cando veu todo isto da pandemia, nós paramos de tocar. Dende que se desatou este caos, non vemos a Heredeiros, o espectáculo como o entendemos nós, nas circunstancias da nova normalidade. Creo que o mundo do espectáculo e do deporte foi o máis afectado porque vivimos das concentracións, vivimos das masas e é xusto o que non se pode facer en pandemia. Un concerto de Heredeiros, polas súas características de salvaxismo, de loucura, de paixón, de desenfreo, de sulfatar á xente, de tirar cousas ao público, de tirarnos nós… Nós non nos viamos tocando para un montón de xente sentada coas mascarillas e case sen poder interactuar con eles. O ano pasado decidimos parar e neste estabamos á expectativa: cando vimos os protocolos comprendemos que ía ser algo semellante, aínda que despois se foi abrindo a outras posibilidades; sentámonos e dixémonos: «Que imos facer este ano? Seguimos parados ou facemos algo por nós e pola xente? A xente ten gana de vernos e nós, de tocar». Mantivemos a idea de que o noso espectáculo non tiña cabida nesta nova normalidade, polo que decidimos que Heredeiros se adapte ás circunstancias, que sexa un concerto que se poida ver sentado, aínda que hai momentos que seguramente che queime a cadeira, como nos pasa a nós, que tamén estaremos sentadiños aínda que seguro que nalgún momento Javi [Maneiro]… Salvo que o amarres, non o podes ter retido nunha cadeira.
-Que tal soan os temas clásicos en acústico?
-A verdade é que estamos moi emocionados, moi contentos. Igual é a cousa do músico de cambiar e enfrontarte a novos retos, a novos desafíos, ou igual é que son temas que tocaches cincuenta mil veces... e é unha forma de darlles outra vida e volver a facer como se foran temas novos. Estamos ilusionados, encantados co resultado e con como están quedando. Estamos flipados e cremos que á xente vailles gustar moito. Sempre haberá algún decepcionado que bote de menos a caña, pero hai que adaptarse. Evidentemente, Heredeiros da Crus é un grupo de rock e a nosa maior virtude está na caña, na forza, na enerxía, na pegada e na contundencia, mais non podendo ser, adaptámonos. Hai momentos que conservamos a contundencia pero aportamos novas cousas.
-E como están sendo os ensaios?
-Empezamos xa hai uns meses. Podo dicir que estamos gozando. Os ensaios son moi agradecidos porque sempre saiamos con dor de cabeza e agora monto no coche e ata poño música. Era antes algo impensable. Eu necesitaba silencio como durante catro horas despois de cada ensaio.