«Algúns contos completos» publicarase en galego e castelán o vindeiro setembro
09 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Domingo Villar (Vigo, 1971) é coñecido sobre todo polas tres novelas protagonizadas polo inspector Leo Caldas: Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco. Pero o seu labor literario esténdese máis alá destes libros: durante anos o autor foi escribindo unha serie de relatos que teñen o denominador común da influencia da tradición oral galega. De feito, foron concibidos para que Villar os lese en encontros familiares, cun claro propósito lúdico. Algúns acabaron na forma da letra impresa —como os que publicou La Voz de Galicia no 2011, Andrés o Guapo e Michael «Chico» Cruz—, e outros ficaban inéditos, pero agora ven a luz reunidos no volume Algúns contos completos.
Os dez relatos que compoñen a obra contan coas ilustracións de Carlos Baonza (Madrid, 1957), que propón unha serie de linogravados que dialogan. A colaboración nace da amizade que une a escritor e pintor e arranca o día no que Baonza estaba entre os oíntes dun dos relatos de Villar. Mentres o escritor contaba, o pintor debuxaba. Ata tal punto se compenetraron as imaxes coas narracións, que ambos chegaron a convocar a un grupo de amigos comúns para dar lectura a novos contos mentres se proxectaban os gravados, nunha sorte de sesión de cinema mudo. Mesmo algunha vez contaron con música, xa que a Villar e Baonza se sumou a improvisación do pianista finlandés Sami Kangasharju.
Eses relatos están unidos por esa orixe celebratoria, xa que Villar gusta de levar un conto propio como agasallo cando o invitan a unha comida ou unha cea, e por estar protagonizados por galegos na diáspora ou persoas doutras latitudes ás que a vida acabou por traer a Galicia. Para esta edición en libro, Baonza creou unha serie de linogravados novos. Segundo explica Villar, a idea era que se asemellase máis a un caderno de artista que a un volume convencional, no que imaxes e textos comparten peso e protagonismo. Algúns contos completos sairá en setembro, en galego en Galaxia e en castelán en Siruela, os selos habituais de Domingo Villar. É posible que nese mesmo mes se publique tamén unha versión italiana.
Mentres, o escritor vigués traballa nun novo caso de Leo Caldas. Admite que ten o que cre unha boa historia e coa que está contento, pero tamén avisa de que traballa ao seu ritmo, «que non é precisamente de galgo», polo que a novela do seu célebre inspector terá que esperar dous anos ou quizá tres.