
O autor das Letras Galegas 2022 era un home sinxelo, sociable e optimista
11 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Florencio Delgado Gurriarán é o poeta máis significativo de Valdeorras. Así o afirman tanto os que o coñeceron en vida, como os que saben del a través da súa literatura. A súa pluma, pero tamén a súa propia historia, chea de reivindicación e loita pola cultura de Galicia, forma parte dos motivos que converten a Gurriarán no autor ao que se lle dedicarán as Letras Galegas do 2022, tal e como decidiu hai unha semana a Real Academia Galega.
O escritor naceu en 1903 en Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, no seo dunha familia acomodada. Alí creceu rodeado dos seus catro irmáns -Lucio, María, Rocío e Edmundo- nunha casa con escudo propio na que lles ensinaron a ler tamén en inglés e en francés. Ademais de poeta era avogado, defensor do galego e dos galegos e activamente político. Un home cunha vocación social incansable, a quen a loita pola dignificación e polo recoñecemento do idioma levouno nos anos corenta ao exilio en México, onde pasou case a metade da súa vida. Así o recorda Ricardo Gurriarán, fillo dun primo de Florencio, e autor da biografía máis completa sobre o escritor: Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés republicano e galeguista. «Era unha persoa moi emotiva e tamén discreta, agradable con todo o mundo, sempre receptivo e moi positivo; de feito, esa era a súa actitude vital, o optimismo e a valentía», di Ricardo.
Vinculado ao grupo Nós
Florencio comprometeuse co galeguismo dende mozo, primeiro moi vinculado ao grupo Nós ourensán, onde bebeu das ideas de intelectuais coma Vicente Risco e Otero Pedrayo. Máis tarde, a partir dos anos trinta, decidiu militar no Partido Galeguista. «Tivo un compromiso cabal e permanente, e non o abandonou nunca, incluso máis alá da extinción do propio partido. Ata intentou reconstruílo nos anos setenta», apunta Camilo Valdehorras, profesor da Universitat de Barcelona, natural de O Barco. Este valdeorrés especializado en literatura galega e investigador da figura de Gurriarán, foi a persoa encargada de realizar o dossier co que se postulou a candidatura do autor para as Letras Galegas 2022.
Na súa chegada ao partido Delgado Gurriarán compartiu lugar con Alexandre Bóveda ou Castelao, dous intelectuais aos que admiraba profundamente. «Tíñalles lealdade absoluta e, de feito, estivo sempre vinculado a eles. Incluso dende México. Especialmente a Castelao porque faleceu máis tarde», explica Valdehorras.
Logo de ter que participar na Guerra Civil, de loitar co bando republicano na batalla do Ebro, en Cataluña, Florencio viuse obrigado a marchar a Francia. A principios dos anos corenta, dende Burdeos tomou un barco rumbo a Veracruz, en México, país ao que se exiliou e no que pasou o resto da súa vida. «Foi un galego universal. Un escritor que pese a viaxar por todo o mundo e pese a vivir fóra de Galicia a meirande parte da súa vida, sempre tivo presente o sentimento local», amplía o profesor. «Era un home fortemente comprometido cunha visión transformadora do seu traballo intelectual e público. Foi un enorme humanista», continúa. Demócrata, republicano e cristián, Florencio apostaba pola transformación e pola posta en valor da cultura e da literatura galegas. «A súa poesía é unha obra de amor pola súa terra natal. Na que tamén cuestiona e critica -anota-, como por exemplo, no que respecta ao mal uso da lingua, o desarraigo e o abandono da tradición, entre outras cuestións».
Escribiu os poemarios Bebedeira (1934), que é unha oda a Valdeorras; Galicia infinda (1963), un homenaxe a todas as tradicións deste territorio; e O soño do Guieiro (1986), un recoñecemento ao galeguismo político, sobre todo a Castelao.

En 1981 publicou Cantarenas, a continuación do seu primeiro poemario. «É significativo que toda a súa obra está escrita en galego, nuns anos nos que falar este idioma tiña represións en España», apunta Valdehorras. «Para nós é o poeta do viño e da vide, temas que estaban moi presentes na súa obra. Era un escritor cun gran significado dentro do mundo da cultura, que foi capaz de influír no galego incluso dende México», engade Aurelio Blanco, actual presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, institución coa que Florencio tiña unha estreita relación dende a súa creación, grazas a amizade que compartía con Xosé Gayoso, o seu primeiro presidente. Dela foi membro de mérito dende 1979.
O escritor casou en México en 1944 e tivo cinco fillos
Delgado Gurriarán desembarcou na cidade mexicana de Veracruz en 1940 e logo mudouse a Ciudad de México. Alí, mentres traballaba coma representante dun taller de zapatos, namorouse da dependenta dunha zapatería. Chamábase Celia, era natural de Cuernavaca e filla de emigrantes galegos, da Coruña, onde ela vivira moitos anos antes de regresar a México. «Facíalle as beiras e escribíalle cánticos para conquistala», conta Ricardo Gurriarán. Casou con ela en 1944 e tiveron cinco fillos: Florencio, Cheli, Maruxa Ildara, Lucio e Carmiña. Os dous últimos naceron xa en Guadalajara, a onde a parella se mudou por cuestións laborais. Florencio traballou na venda ambulante de libros e tamén foi axente comercial dunha industria farmacéutica.
O autor regresou a casa en tres ocasións. A primeira en 1968, a segunda no 76 e a terceira no 81. «Coñecino na súa primeira visita, pero xa levabamos anos escribíndonos por carta, porque o meu pai e máis el ademais de curmáns eran moi amigos», recorda Ricardo. «Era un home cheo de vida e optimismo. En calquera ocasión que puidera lanzarse a cantar, facíao», evoca. Un dos seus netos é músico no país centroamericano.
Florencio estivo implicado na fundación do Padroado da Cultura Galega en México e foi colaborador da revista Vieiros. «Esta foi unha das entidades máis significativas que se crearon no exilio galego do século XX, que deu vida á mellor revista creada por intelectuais galegos durante o franquismo», puntualiza Camilo Valdehorras. O escritor de Córgomo chegou a ser membro non numerario da RAG e recibiu a mención nun acto en Valdeorras. «Delgado Gurriarán é a figura principal das nosas letras, dende Valdeorras para o mundo», secunda Ángel Fernández, estudoso do autor e propietario da biblioteca máis extensa cos seus textos e libros. «Foi universal, humanista, galeguista e leal ata o final e merece as Letras Galegas máis que ninguén», afirma Valdehorras. «Tivo unha teima toda a súa vida por facer que Galicia se auto recoñecese a si mesma no aspecto máis orixinal que ten, que é o seu idioma, e a súa cultura. Así que penso que Florencio se sentiría moi feliz de que esta Academia á que pertencía lle dera o estímulo a toda a sociedade galega para que coñeza o seu traballo. Porque cando Galicia se galeguiza faise máis universal, e iso el sabíao ben», remata o profesor.
Delgado Gurriarán morreu en California en 1987, a causa dunha cardiopatía. Alí estaba xunto a Celia, visitando ás súas fillas -que aínda hoxe residen nos Estados Unidos-. Ese día morreu o seu corpo, pero non cabe dúbida de que a súa poesía seguirá latindo.