Amergin Glúngel

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Una de las páginas del Libro de las Invasiones.
Una de las páginas del Libro de las Invasiones.

20 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No prestixioso e elitista Trinity College de Dublín fundado en 1592 é onde se garda boa parte dos textos do Lebor Gabála Érenn ou libro das invasións de Irlanda. Este libro, formado por unha compilación de escritos atribuídos a diferentes autores e en distintos períodos, describe as diferentes invasións chegadas á illa baseándose en antigas tradicións, na oralidade e en varios textos de carácter relixioso. O LGE, conformado por un compendio de poemas e narracións en prosa escritos en idioma gaélico, foi e segue a ser un libro de enorme popularidade, sendo aceptado ata tempos relativamente recentes como a historia convencional de Irlanda. A última das invasións descritas neste libro está atribuída aos Milesians, ou fillos de Mil, que representarían aos actuais irlandeses e que segundo este libro procedían de Brigantia, actual A Coruña, dende onde partiron para a conquista final da illa. Un dos protagonistas decisivos daquela truculenta historia foi Amergin Glúngel (xeonllos brancos), bardo e home de lei dos Milesians segundo está citado no libro. Di o texto que Amergin foi quen comandou a frota que venceu aos anteriores poboadores da illa, os Tuatha Dé Dannan, pobo da deusa Danna, que chegaran a Irlanda en nubes escuras e eran considerados unha raza sobrenatural da mitoloxía irlandesa. Amergin e a súa xente que de xeito belixerante chegara a Irlanda para vingar a morte do seu parente Ith, asasinado anteriormente polos Tuatha De Dannan, tiveron que sortear a forza dos seus conxuros para poder desembarcar con éxito nun estuario do suroeste da illa. Para que ese desembarco fose frutífero, o bardo dos Milesians tivo que invocar o espírito da illa de Irlanda coa que se coñece como a canción de Amergin. Grazas a esa invocación máxica foi posible o desembarco e alí comezou a batalla que chegou ata o mesmísimo outeiro de Tara. Unha vez os Milesians venceron, di a historia que cada unha das tres deusas da soberanía dos Tuatha Dé Dannan, Banba, Ériu e Fódla pedíronlle a Amergin que lle puxese o seu nome ao país e o bardo concedeullo, quedando Ériu, Éire, como nome principal en idioma gaélico.