O encontro solidario impulsado pola cantante de Boimorto no seu concello natal ofrece música en directo ata o domingo
10 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A finca que acolle a casa na que naceu Luz Casal no municipio coruñés de Boimorto volve abrir as súas portas ao público outro setembro máis -e xa van aló oito- para acoller o festival impulsado pola cantante para reivindicar a idiosincrasia do medio rural galego, e espertar conciencias comprometidas e solidarias. O reclamo volve ser un cartel con un bo feixe de artistas -vinte e dous nesta edición- con propostas musicais para todos os gustos que soarán, dende hoxe e ata o domingo, nunha contorna pensado para gozar en familia.
Unha zona con actividades para os máis cativos, variedade de xénero feito a man por artesáns galegos, e cociña de autor tamén da casa envolven o Festival de la Luz, que repite a organización do recinto en leiras, como así se identificaron os espazos delimitados e debidamente distanciados entre si cos que, o ano pasado, se adaptou á pandemia para minimizar o risco de contaxio de covid. En parella ou en grupos reducidos de ata un máximo, como é obriga, de dez persoas darán testemuño os asistentes da música en directo que, dende esta tarde, ofrecerán Superglú, Kings Of The Beach, Moura, Irene Garry, Broken Peach, Nil Moliner, e Monoulious Dop.
A Fundación Andrea, unha entidade de Santiago que presta apoio ás familias con fillos hospitalizados, e a Cruz Vermella son os dous colectivos sen ánimo de lucro aos que se doará a recadación da venda de entradas do Festival de la Luz, que dispón trinta horas de música ao vivo por causas solidarias que, mañá, desprazarán a Boimorto a Los Jinetes del Trópico, Alice Wonder, Soleá Morente, Rodrigo Cuevas, Def Con Dos Tenores, Obús e Di Brain. A xornada dará comezo coa actuación de Os Santiaguiños de Boimorto, un recoñecemento de Luz Casal á musica popular galega, e un agarimo ás humildes agrupacións que dende recunchos de toda a comunidade perseveran por manter o latexo da tradición.
O peche da segunda edición en pandemia do Festival de la Luz, no que o público está chamado a respectar un consabido protocolo de prevención e seguridade por mor da situación sanitaria, correrá a cargo dun dos cabezas de cartel. Coa actuación de Coque Malla caerá o día o domingo, para cando tamén están programados os concertos de A Banda da Balbina, Jordana B, Verto, Los Estanques, Sabela e Juno. O encontro musical e cultural no que Luz Casal se reencontra coas súas raíces en Boimorto contará, este ano, co respecto atmosférico. A previsión do tempo para a fin de semana anuncia unha tregua da inestabilidade meteorolóxica dos últimos días, aínda que tampouco se descarta que a choiva faga acto de presenza nas primeiras horas, esta tarde, do festival.
Artesanía e gastronomía
A cita non só se presenta como unha boa ocasión para afinar o oído en directo; tamén para coñecer de primeira man o traballo que fan máis de corenta artesáns e produtores ecolóxicos con presenza nun espazo que, a xeito de mercado, promove a Deputación da Coruña para poñer en valor e divulgar o potencial económico e turístico da provincia. A cociña atlántica tamén se reivindica no Festival de la Luz cun espazo gastronómico que concitará a unha ducia de chefs galegos que compartirán co público as súas mellores propostas culinarias e os segredos do seu bo facer entre fogóns. Rafa Centeno, do restaurante vigués Maruja Limón, distinguido cunha estrela Michelin, é un dos profesionais do selecto grupo de restauradores que mostrarán a súa cociña en Boimorto, onde xa está todo preparado para recibir dende hoxe e ata o domingo a quen gusta e aprecia a boa música e un xeito de vivir tan galego como o do agro.