O director vigués comezou a rodaxe da súa primeira longametraxe, «Matria»
01 oct 2021 . Actualizado a las 23:45 h.A curta Matria, coa que Álvaro Gago (Vigo, 1986) alcanzou repercusión nacional e internacional, está detrás do filme homónimo que o director vigués está a rodar en distintas localizacións de Pontevedra. Este venres foi nas instalacións da fábrica de conxelados Santamar, un escenario que «aporta, sobre todo, desde o punto de vista humano. Puxéronnos todas as facilidades do mundo a pesar de ser unha empresa que está en reconstrución co obxectivo de darlle un vuelco á fábrica de Pontevedra». Ademais, a nivel técnico, «estética e visualmente, vai moito coa gama de cores que estamos intentando ter no inicio da película. Non é unha fábrica impoñente, enorme, senón que ten o tamaño adecuado», engadiu.
«A película comparte coa curta, un pouco, a esencia, pero despois afonda, sobre todo, na personaxe principal, nas súas diferentes facetas», que interpreta María Vázquez. Coñecida polos seus papeis en Quien a hierro mata, Trote e Fariña, interpreta a Ramona, unha muller que «loita polo seu e polos seus, que está presa nun ambiente no que ten que sobrevivir e, ao longo da película, vemos un proceso de revolución persoal, íntima que desemboca na toma de decisións pensando máis nela e que van afectar á súa vida», remarca Gago.
Coa idea de estrear Matria a finais do 2022, o proxecto comezou con bo pé. Así, entre outros recoñecementos, foi seleccionado no Berlinale Coproduction Market e no Mediterranean Film Institute, mentres que o seu director foi elixido para participar no TIFF Filmmarket Lab de Toronto e recentemente seleccionado pola revista Screen International como unha das Spain Stars of Tomorrow.
A rodaxe é a culminación dun proceso que comezou hai xa catro anos coa escritura do guión e pasando logo por diferentes laboratorios. Matria é unha produción a cargo da pontevedresa Matriuska, Avalon P.C. e Ringo Media.
Gago defendeu a necesidade de contar co respaldo das institucións públicas (ICAA, AGADIC, TVG, Deputación de Pontevedra e La Incubadora). «É fundamental. Estamos facendo un cine un pouco fráxil, que amosa un proceso íntimo, polo que obviamos todo o espectacular que hai noutras producións».
Son filmes, di, que «intentan achegar outras cousas. Neste caso, un diario íntimo, cotiá, coller os matices de rostros que pasan por un milleiro de historias. Estas películas teñen que convivir con outras que son grandes monstros, necesitan que as institucións lles dean un pulo porque senón parten con grande desvantaxe», apunta consciente de que «todas as películas deberían convivir, pero o cinema espectacular é un monstro que se come todo».