O libro foi traducido por Adina Iona Vladu e está ilustrado pola artista Sara Lamas
06 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Unha camelia / One camellia blosson é o título da primeira antoloxía poética de Luz Pozo Garza traducida ao inglés. A publicación editada por Small Satations Press co apoio da Xunta está formada por seis poemas así como o Cuestionario Proust, que a autora luguesa respondera no ano 2010, fixando nel os principais trazos e gustos da súa personalidade. O libro está ilustrado pola artista Sara Lamas.
O xermolo desta publicación está na tradución dos poemas por parte da lingüista romanesa Adina Iona Vladu, que explica que tomou como referencia unha pequena antoloxía que xa fixera o tamén escritor Claudio Rodríguez Fer. «Tratábase duns poemas que Luz Pozo dedicara a Carmen Blanco e a el. Empecei a traducilos pola súa beleza e ver como resoaba a poesía de Luz, porque hai algúns temas que son universais», destacou Adina Iona Vladu, que incidiu especialmente na conexión entre mulleres que se fai, partindo de Li Yian, pasando por Rosalía e ata a propia Carmen Blanco, estudosa e crítica da poesía de Luz Pozo.
Canto á sororidade
A raíz desa tradución que fixera Adina Iona Vladu, que traballa no Instituto da Lingua Galega e formou parte do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, xurdiu a idea de publicar os textos nunha edición bilingüe en galego e inglés dos seis poemas, que son un canto á sororidade, unha exaltación do amor e unha oda a Galicia e á súa lingua.
Cal foi a maior dificultade á hora de traducir a poesía de Luz Pozo? «Foi o proceso de negociación co texto, no que me axudou moito un bo coñecedor da obra de Luz Pozo, como é Claudio Rodríguez Fer, que tamén me aclarou moitos dos significados. Foi unha tradución pasada pola miña propia sensibilidade, un diálogo coa voz de Luz e a lingua e literatura inglesa», respondeu a tradutora, que presentou este martes a antoloxía no pazo de San Roque de Santiago xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o fillo da autora, Gonzalo Vázquez Pozo; o crítico literario Armando Requeixo e o editor Jonathan Dunne, que asistiu telematicamente e tamén participou na tradución.
García agradeceu o traballo á tradutora e destacou que sempre é unha alegría ver como obras literarias escritas en galego espertan interese máis alá de Galicia e son difundidas polo mundo adiante mediante traducións e en edicións bilingües. Ademais, amosouse convencido de que a poesía de Luz Pozo recollida na publicación vai espertar o interese dos lectores pola literatura e a lingua galegas.