Un estudo constata a mingua do galego segundo avanzan as etapas do ensino

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O estudo desenvolveuse nos centros de ensino de Ames, como o de Ventín, na imaxe.
O estudo desenvolveuse nos centros de ensino de Ames, como o de Ventín, na imaxe. PACO RODRÍGUEZ

A investigación alerta da perda do idioma nos espazos de socialización

06 oct 2021 . Actualizado a las 19:41 h.

A medida que avanza o proceso de escolarización, diminúe tamén a presenza do galego. Esta é unha das conclusións xerais que se poden extraer do Mapa Sociolingüístico escolar de Ames, desenvolvido pola Real Academia Galega e o Concello amesán. O estudo abrangue todo o ensino obrigatorio, dende as primeiras etapas de infantil ata a fin da secundaria, un percorrido no que o galego vai cedendo terreo ao castelán. Os datos da investigación revelan que no primeiro contacto co medio educativo xa se detecta unha perda do 10 % de galegofalantes, mingua que se vai acentuando coa idade: na secundaria só un 11 % se declara galegofalante, porcentaxe idéntica aos que se definen como bilingües, fronte a un 77 % de monolingües en castelán.

O Mapa ofrece argumentos para a reflexión. Desenvolveuse nun concello que encarna un entorno periurbán, polo que os resultados poden ser extrapolables a outros municipios de condicións semellantes ou mesmo o resto do territorio galego. Non só contempla a totalidade do ensino obrigatorio, senón que ten en conta alumnado, docentes e familias, ademais doutros axentes que concorren na escolarización, dende actividades fóra do horario lectivo ou os comedores.

É precisamente neses espazos de socialización, na aula e fóra, onde se observa o recúe do galego, por exemplo, na comunicación entre iguais. Aí aprécianse casos de presión de grupo que poden conseguir que un galegofalante se pase ao castelán por favorecer a asimilación. Un factor que evoca o que dicía unha vez Agustín Fernández Paz, escritor e tamén docente, nunha entrevista: «Sempre lle digo aos meus alumnos que de pouco vale que lles poña un dez no exame de galego se fóra no patio cando xogan ou mocean non empregan a lingua». Henrique Monteagudo, coautor do estudo xunto con Xaquín Loredo, Lidia Gómez e Gabino S. Vázquez-Grandío, corrobora que ás veces os docentes teñen a impresión de que están a «remar no baleiro» ao ver que o que ensinan non traspasa as paredes da aula. «Pero logo, se hai ese traballo de dotalos dende pequenos coas competencias do galego, moitos volven á lingua», subliña Monteagudo, tamén dende a súa experiencia directa como profesor universitario.

Xa que logo, os autores do Mapa e as institucións que o promoven queren ver no documento un guieiro para afondar na procura de estratexias que contribúan a reverter esa diminución da presenza do galego. Monteagudo subliña dos puntos: o valor de que as actividades extraescolares se fagan en galego -«hai veces que os concellos o especifican nos contratos coas empresas, pero logo se se van subcontratando eses servizos, esa cláusula acaba por perderse»- e a apertura clave de ámbitos novos -«neses novos espazos de relación moitas veces é máis fácil empezar a falar o galego con alguén a quen non se coñece e nun entorno que tamén resulta novo»-.

Este enfoque, malia ter como obxecto o ensino, non se quere circunscribir só á actividade docente, senón abrir a lente para entender mellor que mecanismos sociais están detrás da mingua do galego. De aí que no equipo concorran tamén un antropólogo e un sociólogo. As conversas de Ames, con 269 docentes e 1.8000 estudantes e as súas familias, xa contribuíron ao deseño de iniciativas en marcha, como a serie Conseguiremos, da RAG, que visibiliza o talento da mocidade que vive e crea en galego.

A Mesa pola Normalización promove un apagón de RTVE para o vindeiro luns

A Mesa pola Normalización Lingüística desenvolve unha campaña denominada Queremos audiovisual en galego que ten como obxectivo acadar unha maior presenza da lingua nos contidos que se ofrecen en televisións e plataformas, especialmente naquelas canles públicas que tamén se sosteñen cos impostos dos cidadáns de Galicia. Dentro desta iniciativa a Mesa promove un apagón para o vindeiro luns, día 11, e convida aos espectadores a non conectar coas canles de RTVE: La 1, La 2, Clan, Teleporte e 24h. Quedarían excluídas as emisións en galego, programadas entre as 14.00 e 14.20 horas e as 15.55 e 16.15 horas. «Só emiten en galego 39 minutos dun total de 120 horas, o que supón o 0,5% dos seus contidos diarios e o 0% dos contidos infantís ou xuvenís», denuncia o presidente da entidade, Marcos Maceira.

A esa escasa ou nula presenza do idioma no eido audiovisual, un importante vehículo normalizador, especialmente en idades temperás, súmase a indignación causada entre numerosos espectadores polas chanzas dos presentadores da entrega MasterChef gravada na Coruña, quen imitaron o acento galego, unha broma que, lonxe de gañarlles as simpatías da audiencia, ocasionou unha gran cantidade de queixas. A Mesa lembra que reclamou ata en tres ocasións unha entrevista coa dirección estatal de RTVE, sen resposta polo de agora, o que contrasta cos responsables do ente en Galicia, cun «compromiso co galego que está fóra de toda dúbida».