
Por sempre. Eloísa e Abelardo é o título dunha novela maior do xornalista e escritor ourensán Alfonso S. Palomares, que atina a retratar a Idade Media europea desde unha vertente ilustrada que nos achega ós grandes debates vitais e relixiosos que encheron aquela época. Os seus protagonistas principais son Abelardo, gran teólogo e indiscutible mestre da dialéctica, e Eloísa, a intelixente muller coa que protagoniza unha gran historia de amor que perduraría ó longo das súas vidas, malia custarlle ó gran Abelardo nada menos que a castración física. Algo que, lonxe de desunilos, converteunos en protagonistas de duas historias converxentes no seo da igrexa.
A figura do grande Abelardo ocupa o centro da historia porque el era o radiante abade do convento beneditino de Saint Gildas-de-Rhuys, un lugar abrupto da Bretaña francesa, desde onde foi desenvolvendo as súas relucentes exposicións sobre os conceptos máis debatidos naquel tempo, sostendo enfrontamentos verbais cos máis famosos oradores. Algo que ocorría sobre todo en París, desde onde chamaba a «ver a vida desde o reino da luz e non desde o mundo das sombras».
En paralelo, as monxas do grupo en que estaba Eloísa foron expulsadas do convento de Argenteuil, aínda que algunhas foron acollidas no mosteiro de Notre-Dame-des-Bois. Entre éstas non estaba Eloísa, o que moveu a Abelardo a fundar un novo mosteiro no lugar que el abandonara para ir facerse cargo da abadía de Saint-Gildas. Chamábase O Paráclito e rexurdiu coa abadesa Eloísa á fronte. Parecía chegado o momento dunha certa paz, cando Abelardo se viu envolto en grandes confrontacións dialécticas cos adversarios de máis rango dentro da igrexa. As súas enerxías minguaban en esforzos denodados, enfrontado ós adversarios máis preclaros. Satisfixo o soño de medirse con Bernardo de Claraval preto de París en 1140. Morreu no 1142. Eloísa viviu aínda 21 anos máis e foi enterrada cabo de Abelardo. Sobre esta relación de Abelardo e Eloísa construíu Palomares a súa coidada e profunda novela histórica dun tempo e dun amor. E en cada páxina emerxe o retrato da época en que todo isto sucedeu. Brillante.