Sarabela festexa cun docudrama o centenario da revista «Nós»

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da representación da obra «Semente de Nós», que dirixe Ánxeles Cuña e move a oito actores.
Detalle da representación da obra «Semente de Nós», que dirixe Ánxeles Cuña e move a oito actores.

A montaxe sobre aquela histórica publicación chega este xoves ao compostelán Salón Teatro

03 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sarabela Teatro é unha compañía cunha traxectoria de respecto. Son corenta anos sobre as táboas. Ademais das representacións que ten actualmente en xogo, como a exitosa A lingua das bolboretas, Proxecto Noee e Morgana en Esmelle, anda estes días festexando o centenario da revista Nós. Púxose a traballar coa produtora audiovisual Ollo Vivo, xa que a montaxe Semente de Nós está chea de ambición, non é un trámite calquera. A representación pon en liza as artes do movemento, as artes plásticas, a música, as artes visuais e, por suposto, as artes escénicas. Non é capricho que o equipo botara ano e medio no seu desenvolvemento.

Dirixida por Ánxeles Cuña e Tito Asorey, este docudrama é unha especie de indagación crítica sobre o legado deste grupo de intelectuais —con Castelao á cabeza—, sobre a herdanza que deixaron, sobre a identidade, sobre o impacto que esa pegada terá no futuro de Galicia. O proxecto, en todo caso, non quere quedarse no documento historicista, pretende ser unha intervención viva, provocadora, que cre na vixencia do pensamento daqueles pioneiros, dun discurso que segue vixente na defensa da cultura e da lingua galegas.

Neste sentido, Semente de Nós, xa o avanza no seu título, é tamén unha mirada cara ao futuro tirada con esperanza, aínda que na súa cerna agrome un alento de demanda de cambios de paradigma. Pero sobre todo é un espectáculo escénico que trata de que o espectador se involucre no gozo, na emoción, compartindo e vibrando cunha proposta escénica chea de plasticidade, pero tamén de reflexión social, histórica e política.

En certa maneira, a xuventude é o público ao que vai especialmente dirixida esta proposta, nun intento de vincular os mozos coas súas raíces, de explicarlles de onde veñen. Para tal fin crean «un mosaico que permite ás persoas que participen mergullarse na alma dunha época que dialoga facendo audibles as voces, facendo visible o invisible».

A peza coincide no cartel galego ao menos con outras dúas montaxes de teatro documental: A lúa vai encuberta, de Manuel María, das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, e Nevermore, de Chévere.

Tras a súa estrea o venres 29 de outubro en Ourense e a representación do día seguinte na Coruña —xusto cando concluía o ano de celebración do centenario—, Semente de Nós chega este xoves (ás 20.00 horas) a Santiago, ao Salón Teatro.