
O autor, que vén de publicar «A miña árbore secreta», tamén presentará o seu último libro aparecido en Portugal
05 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O autor e ilustrador David Pintor amosará o seu traballo por partida dobre nos encontros de ilustración Braga em risco, que se celebran na cidade portuguesa a partir de mañá. Dunha banda, protagoniza a mostra David Pintor: ilustrando o mundo e, doutra, ofrecerá a charla A magia do desenho. A exposición é unha selección de ilustracións pertencentes a diferentes libros e que foron publicados en Italia, España e Portugal nos últimos anos. Poderá verse ata o vindeiro 21 de novembro no edificio do Castelo. No que respecta á conferencia, que se celebrará este domingo ás 15.30 horas, no mesmo recinto que acolle a exposición, Pintor falará do seu proceso creativo. Ademais, reflexionará sobre o que significa o debuxo para el e cales son as súas influencias. A intervención está pensada para estudantes de ilustración, profesionais do sector e afeccionados en xeral.
Novos libros
Porén, a participación de David Pintor en Braga em risco non remata na charla e na exposición. O ilustrador tamén preparou un cartel para o encontro e, ademais, presentará o seu último libro publicado en Portugal, Estou com soluços! (Tcharan). Escrito e ilustrado por Pintor, narra a historia dun gato que precisa axuda para curar un inesperado ataque de impo. Está dirixido a primeiros lectores e tamén se publicou en Corea.
Non é a única novidade editorial de David Pintor, xa que vén de publicar A miña árbore secreta (La Guarida Ediciones). Trátase dunha obra que se inspira nos paseos que o autor dá coa súa filla preto dun salgueiro que medra nas proximidades da súa casa. Na primavera, baixo as follas, contan historias e xogan, unha relación que recrea o libro. Pintor define o seu libro como unha homenaxe aos pais que gozan coas historias e os xogos cos seus fillos, pero tamén é unha carta de amor á natureza. Amizade, amor, fantasía e imaxinación son temas que aparecen en A miña árbore secreta. «O nacemento da miña filla foi un estoupido de sentimentos, de experiencias e de amor. Como artista sensible e sempre atento ao que pasa ao meu redor, a súa chegada supón un punto e aparte na miña carreira como ilustrador. O que agora me apetece é inventar e contar historias e facelo a través do debuxo», explica o ilustrador.