Sabela Maneiro (Tanxugueiras): «Que un tema en galego teña opcións de ir a Eurovisión xa é unha vitoria»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Aida Tarrío, Olaia Maneiro y Sabela Maneiro en una actuación en el Terraceo de Vigo.
Aida Tarrío, Olaia Maneiro y Sabela Maneiro en una actuación en el Terraceo de Vigo. XOAN CARLOS GIL

O grupo de Teo quere facer historia levando a súa lingua nai ao festival da canción 

18 nov 2021 . Actualizado a las 10:00 h.

Tanxugueiras deron un paso adiante. Tras chamar a atención petando na porta de Eurovisión coa súa proposta, o martes oficializaban a candidatura para participar no Benidorm Fest. Alí escollerán que canción representa a España no certame. Elas levan unha peza inédita na liña de Figa. «Vai seguir nesa onda, pero ten unha letra e un significado moi potente que esperamos que chegue a todos os galegos e galegas. E tamén a aqueles que falan en linguas cooficiais do Estado. Que quede claro o noso arraigo polo noso idioma», explica Sabela Maneiro, unha das integrantes do trío que completan Aida Tarrío e Olaia Maneiro.

-Son fans de Eurovisión?

-Eurovisión, o que é Eurovisión non o seguiamos moito, a verdade. Simplemente foi algo que nos veu dado. Sabemos que é unha plataforma estupenda e que se fai en maio. Pouco máis.

-Non ten ningún recordo asociado a Eurovisión?

-Pois si. Cando eramos pequenas sabía que Eurovisión sempre era antes do meu aniversario. Facíase e, en nada, tocaba a celebración. É a máxima relación que puiden ter con Eurovisión.

-Non lembra ningunha canción?

-Claro. Quen non lembra a Rosa de España con Bustamante, Bisbal e Chenoa de coristas?

-Que esperanzas teñen?

-Nin temos esperanzas, nin deixamos de telas. Nós cremos que a guerra se fai desde dentro e, se queremos que as cousas muden e che dan unha esperanza para iso, podes collela ou non collela. Estamos supercontentas tanto se imos como se non imos. Pero empezamos a ver que todo empeza a mudar. Que un tema noso en galego teña opcións de ir a Eurovisión xa é unha vitoria. O que pase a partir de agora xa non depende de nós. Seguramente haxa moitos grupos que estean á altura. Pero nós estaremos aí.

-«O que arde», de Oliver Laxe, foi galardoada nos Goya e Xesús Fraga acaba de ser premio Nacional de Narrativa por «Virtudes (e misterios)». Chegou o momento de coroarse en galego no mundo do pop?

-E que podería ser! Ademais, é o momento de normalizar estas cousas. As linguas cooficiais pertencen ao Estado e, por tanto, poden participar e ser premiadas neste tipo de certames.

-Presentarse a algo como Eurovisión é un cambio dentro dos propios artistas?

-Todo está mudando. Imaxina o orgullo para os artistas galegos que é sentilo. Haberá opinións de todo tipo, pero se non fósemos nós e fose outro grupo galego representando a España, sentiriámolo. Porque tamén pertencemos a iso. Así créase unión, non separación. Nin por bloques nin por idiomas. Todos unidos.

-A súa proposta nace da tradición pero ten un enfoque moderno. Hai unha tendencia a nivel nacional a este tipo de propostas?

-Pensamos que existe un auxe bastante grande de músicas de raíz. A xente empeza a interesarse. Non é só deixar un pouco de lado o flamenco, que existe dentro de España e non o podemos negar. Pero si darlle algo máis de visibilidade ao resto das linguas e músicas.

-Conectan con Rosalía?

-Si. A música flamenca é moi parecida á galega, aínda que pareza que non. A música de pandeireteiras ten uns adornos moi semellantes.

-Rodrigo Cuevas é unha especie de irmán de Tanxugueiras?

-Somos moi amigos e falamos moito. El non deixa de cantar asturiano e tamén galego. Está moi vinculado a Galicia. Para nós é unha persoa fundamental e que sempre está aí.

«Se a un neno lle gusta tocar a pandeireta, por que non pode ter unha saída de traballo?»

Sabela atende a entrevista tras saír dun taller no CEIP Antonio Fernández López, de Sarria. «Dámoslles unha visión da música tradicional en galego, dicindo que tocar a pandeireta e falar en galego non é nada malo, que non se avergoñen do seu idioma. E mostrámoslles ata onde poden chegar tocando a nosa música».

-Os rapaces van nesa liña?

-A tope. Ao principio custa un pouquiño máis. Sobre todo nos coles urbanos, que poden estar máis remisos ao galego. Pero cando acabamos de tocar e de facer as charlas, van encantados.

-Son os tempos favorables para un son universal dende o local?

-Os prexuízos témolos aquí. A nivel europeo hai músicas do mundo en cada sitio. Hai que explicalo nas escolas. Se a un neno ou a unha nena lle gusta tocar a pandeireta, por que non pode ter unha saída de traballo? Nós imos aos coles e comentámoslles que poden chegar a onde queiran coa súa música. Por que teñen que tocar unha guitarra e facer indie en español? Ou tocar rock en español? Cando na nosa lingua hai moitísimos estilos. Pero o arraigo dáse cando coñeces. Se non o cres teu, non empatizas. Nós dicímolo nos talleres: «A muiñeira é vosa, vos tedes o futuro disto».

-Máis alá do caixón de músicas do mundo, non pode ter un papel central na música pop?

-Si, claro. Son ritmos moi primarios que chegan máis alá do idioma. Antes da fala comunicabámonos con sons. E estes son sons moi da terra e chegan moi facilmente. Logo hai os prexuízos que poidan ter respecto de certas cousas.