O cómic galego xa ten historia

H. J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Da revista «O Galiciano» a «Barsowia». Hai fitos claves para entender o cómic galego como a revista «O Galiciano» ?á esquerda?, que naceu en Pontevedra en 1884, e o fanzine «Barsowia», que apareceu no ano 2003.
Da revista «O Galiciano» a «Barsowia». Hai fitos claves para entender o cómic galego como a revista «O Galiciano» ?á esquerda?, que naceu en Pontevedra en 1884, e o fanzine «Barsowia», que apareceu no ano 2003. Galaxia

Octavio Beares indaga na prehistoria da banda deseñada para viaxar ata ao momento de vizoso esplendor que a nivel artístico vive hoxe

09 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O cómic galego ten historia e, por riba de todo, ten futuro, un porvir de esplendor que é presente. Facíalle falta poñer en orde ese pasado dunha maneira totalizadora, sintética, vistosa, sinxela e accesible. Había xa algunhas publicacións de grande interese como, entre outras, as debidas a Xulio Carballo, Anxo Rabuñal, Marcos Valcárcel, Rosario Crespo, Xosé Luís Axeitos e Xavier Seoane. E a eles se suma agora A historia do cómic en Galicia, que o estudoso asturiano Octavio Beares (Oviedo, 1970) achega ao catálogo do selo vigués Galaxia.

O propio Xulio Carballo lembra no breve prólogo que abre o libro que no sistema galego tíñanse historicamente desatendido algunhas manifestacións culturais consideradas como subprodutos asociados ao consumo ou á «simple función de lecer». Aí, nesa «tensión entre a calidade e a popularidade da arte» —en palabras do historiador húngaro Arnold Hauser—, sucumbía a banda deseñada. Na raíz deste desleixo sitúa puntualmente a falta de atención das institucións e —moi relevante— do currículo educativo. Por iso, saúda a aparición da investigación de Beares como o «traballo serio e rigoroso» que a novena arte estaba agardando en Galicia para «que recollese ao completo a súa historia».

A historia do cómic en Galicia traza a evolución da banda deseñada desde a súa prehistoria ata os días de hoxe, indagando incluso as orixes das representacións narrativas na arte galega ata o programa iconográfico da catedral de Santiago ou as edicións iluminadas das Cantigas de Santa María de Afonso X. E ese relato dá un paso decisivo co nacemento da prensa galega no século XIX e en particular coa revista pontevedresa O Galiciano. Por suposto, non esquece o papel central da xeración Nós e de Castelao, e os traballos na emigración. E xa nos anos 70 emerxen as figuras pioneiras de Reimundo Patiño e Xaquín Marín. Chegarían despois, tras experiencias inaugurais como Xofre, as revistas Frente Comisario, Polaqia, Golfiño e Barsowia, canteiras nas que se formaron e medraron moitos dos autores que hoxe triunfan internacionalmente como David Rubín e Emma Ríos. Por suposto, Miguelanxo Prado merece capítulo individualizado.

Outra cousa ben distinta son as eivas que se atopan no sector nunha diagnose a nivel empresarial.