
A poeta coruñesa lanza o minielepé «Pava», presentado cunha figura escultórica de Laura Pazos
18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Entre a decadencia absoluta do cedé e o auxe moderado do vinilo, a poeta Lucía Aldao (A Coruña, 1982) reflexionou sobre que formato escoller antes de editar o seu disco de debut. «Nos últimos anos vinme comprando cedés de grupos que me molaban sen ter logo onde escoitalos. E cos vinilos o mesmo. Tampouco os uso. A totalidade da música que escoito na casa dende hai anos xa é dixital», sinala. Esa experiencia como usuaria trasladouna á de creadora. Pensou así nunha versión física do disco un tanto heterodoxa. «O formato físico é xerar lixo en moitos casos. Si que penso que ten que existir a opción de apoiar aos artistas, como asistir aos seus directos, pagar polas súas cancións na plataforma Bandcamp ou comprar eses discos. Pero, despois de pensalo moito, vin que era moi chulo que o obxecto do disco fose unha peza de arte».
O resultado dese pensamento é Pava, un minielepé de cinco temas. O son pende da inmaterialidade das plataformas dixitais. Fisicamente se plasma nunha escultura da artista Laura Pazos. Os temas móvense nunha sorte de indie-folk con tendencia ao dream-pop. A figura representa directamente ese cigarro ao que lle faltan unhas poucas caladas para o remate. É dicir, a pava. «Laura traballa sempre con estes motivos. Cinceiros, chisqueiros, mixtos, cigarros... Era perfecta para facer algo coma isto», enxalza Aldao.
Pava lánzase nunha edición limitada de cen copias. A obra está elaborada en resina de poliuretano policromada e vernizada. Mide 11 por 2,5 centímetros e érguese sobre unha base de madeira de 8 centímetros de diámetro. Coa súa adquisición, a través de Bandcamp, o comprador recibe un código de descarga para poder levar consigo as cinco cancións do álbum.
Non é a primeira artista galega que saca discos en formatos totalmente insólitos. Os tamén coruñeses Nouvelle Cuisine lanzaron, no seu día, un traballo en formato camiseta cunha memoria USB incorporada. O ano pasado era Lora quen publicaba Lorazepam, un álbum servido como unha gran píldora dentro dunha caixa de medicamentos, xogando co nome do popular fármaco.
Mensaxe feminista
Quen ou que é esa pava a que fai referencia o título? «A pava son eu», confirma Lucía. Abre a porta á sorna: «Teño certas sospeitas de que o feito de ser unha pava determinou moitas cousas na miña vida. Entre elas, levar cantando e escribindo dende moi nova e non verme compoñendo e editando as miñas cancións dende practicamente antonte. Aí hai unha vontade totalmente feminista». De feito, o traballo contén unha sintomática antidedicatoria: «A ningún pavo». Lucía di que «é un posicionamento de valores».
Pese a iso hai «un pavo» clave no traballo, Diego Delgado. Aldao xa tivera un proxecto musical no pasado con el: «Un grupo de xuventude no que cantabamos en inglés». Agora produce o disco. «Eu non son estritamente do mundo da música e quería que el estivera alí», sinala. Iso obrigou a facer o álbum ás presas e a trompicóns, xa que o seu compañeiro de aventura reside en Berlín. «Tardamos moito. A xente me di que foi a lume lento, pero foi todo o contrario. Aínda que tardou moito en facerse, tivo que gravarse en partes».
O resultado é notable. Se, por un lado, pode facer pensar en Guadi Galego (A do aire musculado), noutros leva directamente ao guitarreo a piñón fixo de The Velvet Underground (Unha que soase así) para directamente colocarse, máis tarde, no mellor pop ruidoso recordatorio de Slowdive (A do faro). ¿Cando se poderá ver isto en directo? «Agora, neste momento, non podo asumilo. O lóxico sería montar un directo para a segunda metade do 2022», sinala a artista que, mentres tanto, segue xunto a María Lado co seu proxecto principal: Aldaolado. Esa delicia de poesía, humor e música coa que leva rodando sen parar desde o 2005 por toda Galicia.