Os datos da inscrición xustifican a excepcionalidade da estela funeraria
21 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O equipo de arqueólogos que traballa no campamento romano de Ciadella (Sobrado) realizou un achado excepcional durante os labores de escavación da via principalis, a rúa máis importante deste asentamento de carácter militar, cuxa ocupación inicial remite ao século I despois de Cristo. Trátase dunha estela (ou lápida funeraria) epigrafada que orixinalmente estaría de pé, chantada sobre a terra. Agardando unha lectura definitiva, a inscrición que conserva, de bastante calidade, revela que foi instalada por un home en memoria da súa filla, unha nena falecida á idade de nove anos, un mes e nove días. A peza pode datarse na época romana tardía aínda que apareceu reutilizada como parte dun muro na citada via principalis.
Este vestixio non só permite coñecer os nomes das persoas que viviron en Ciadella hai máis de 1.500 anos, que «é algo así como poñer rostro á Historia», senón porque resulta moi pouco frecuente que se indique a idade da persoa falecida datada en anos, meses e días.
A campaña desenvolvida no campamento romano de Ciadella —que, posta en marcha pola Xunta, executada pola empresa Terra Arqueos e iniciada o pasado 2 de novembro, comprende nove meses de traballos— dá continuidade ás actuacións xa impulsadas nos últimos anos e que, no seu conxunto, suman un investimento de 600.000 euros. O equipo de arqueólogos e restauradores trata de «poñer en valor este asentamento militar e difundir a súa importancia entre a cidadanía». A superficie de intervención suma un total de 2.565 metros cadrados nos que se atopa o denominado principia, unha edificación duns 1.200 metros cadrados que funcionaba como cuartel xeral e espazo medular do forte romano, e a via principalis, a arteria viaria do campamento que comunicaba as catro portas do forte.
O Goberno galego ten en marcha traballos nos concellos de Cabana, Xinzo, Samos, Campo Lameiro, Lalín ou Sober, onde recentemente comezou unha nova intervención sobre o xacemento romano de Proendos, no que saíron á luz importantes restos datados entre os séculos I e V despois de Cristo. Ademais, neste ano impulsáronse actuacións en Pantón, Corcubión, Vilagarcía e Val do Dubra, entre outros.