A presentación da tradución ao galego da novela «La Tribuna» pecha o Ano Pardo Bazán
CULTURA

Está considerada a primeira incursión naturalista nas letras hispanas e tamén en reflectir a vida da clase obreira feminina
01 ene 2022 . Actualizado a las 13:32 h.A Real Academia Galega acolleu onte a presentación da primeira tradución ao galego de La Tribuna, a terceira novela de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921). Publicada en 1883, está considerada a primeira incursión naturalista nas letras hispanas e tamén en reflectir a vida da clase obreira feminina, neste caso as cigarreiras da Coruña. A versión en galego, realizada por Valeria Pereiras, é froito da colaboración do Concello da Coruña e da Fundación Luzes, e pon o ramo á celebración do centenario do pasamento da escritora, lembra a RAG.
«La Tribuna é a súa obra máis coruñesa e universal por ese carácter anticipatorio, pioneiro que ten de entrelazar a emancipación social e feminina», anotou o académico Manuel Rivas, codirector da revista Luzes, que fala no epílogo que asina dun «libro insólito». «Pola súa orixe, a escritora podería mirar para outro lado e ficar nos lindes do espazo burgués. Mais a condición de Emilia Pardo Bazán foi a de vivir en incesante metamorfose, a de gozar coa lóxica do asombro e non ter medo ao descoñecido», retrata.