O autor de «Os eidos» fora enterrado en Lugo, e este venres cumpriuse a súa vontade
15 ene 2022 . Actualizado a las 05:15 h.Os restos do poeta Uxío Novoneyra, falecido en 1999, repousan na súa casa natal, en Parada do Courel, onde ten a sede a fundación que garda e expón o seu legado. O escritor sinalara antes de falecer, aos 69 anos, que quería ser enterrado no Courel, pero no seu momento, por falta dun espazo axeitado, foi levado ao cemiterio de Lugo, cidade á que estivo moi vinculado durante a súa etapa de estudante e na que naceron os seus fillos e a súa muller Elba Rei.
A primeira hora deste venres, e coa presenza de amigos, familiares e membros das corporacións do Concello de Lugo e da Deputación, celebrouse un acto de despedida no cemiterio de San Froilán, onde se interpretou o himno galego e tamén se leron varios poemas.
«A familia está moi agradecida a Lugo, que acolleu ao meu pai 22 anos no cemiterio, pero agora danse as circunstancias para poder cumprir a súa vontade, e ademais era unha demanda dos veciños do Courel», explicou Uxío, fillo do poeta e responsable da fundación.
Os restos de Novoneyra foron depositados nun ataúde de castiñeiro do Courel e rodeados coa bandeira galega e unha coroa de rosas doadas polo Concello. A viaxe de volta ao Courel realizouse pola mañá e o cadaleito foi colocado diante da fachada da súa casa. «O meu pai non quería ser incinerado, quería estar na terra, e iso que no cemiterio de Lugo estivo ben acompañado polos seus amigos Luís Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega e Álvaro Gil», lembrou o fillo. O Concello de Lugo fará unha instalación para recordar que nese lugar estivo o poeta durante máis de vinte anos.
A comitiva que trasladou o féretro chegou ao mediodía a Parada, onde o agardaban veciños e amigos. Houbo unha lectura de poemas e seguidamente levouse a cabo o enterramento. As primeiras pas de terra foron depositadas pola viúva, Elba Rei, e os seus fillos.
O memorial, que está aberto ao público, foi deseñado por Xosé Allegue. Participaron na elaboración canteiros do Courel, que empregaron lousa da comarca. Ademais, inclúe esculturas de Óscar Aldonza, elaboradas con follas de castiñeiro recollidas no souto da Ruibal e bañadas en bronce.
Un ladrillo de Vietnam
Dentro da sepultura depositáronse algúns obxectos simbólicos: un ladrillo traído do Vietnam e pequenos anacos do teatro grego da cidade de Epidauro e do muro de Berlín, que aluden respectivamente ao poema Vietnam canto, ao gran interese do escritor pola cultura grecolatina e á importancia que tiveron os acontecementos políticos da guerra fría para a súa xeración
O enterramento leva como epitafio: «Din os soños i os paxaros: A morte non é certo», versos de Poemas caligráficos (1979) que se fixeron populares en 2020 cando Zara deseñou unha liña de camisetas en homenaxe ao poeta.