O talento de Julio Camba

CULTURA

15 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os que falan ou escriben sobre o gran Julio Camba, que naceu en 1884 en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e finou o 28 de febreiro de 1962 en Madrid, destacan o seu enorme talento literario e xornalístico, como ben acreditou el toda a súa vida e como destacan os moitos admiradores que aínda ten, moi merecidamente. Porque, en canto á escrita, Camba é un mestre que aínda segue vivo.

Con palabras atinadas, o xornalista Manuel Vicent sentenciou que «Camba foi un cosmopolita literario, un correspondente de luxo en Berlín, París, Londres, Nova York, Roma e Lisboa. E as percepcións que obtiña de primeira man dos países que visitaba e das xentes que se cruzaban na súa vida eran sempre orixinais e convertíanse en categorías, para transformarse despois en tópicos de uso común. Non sabía idiomas, pero suplía esta carencia coa agudeza dos ollos. Miraba todo o que sucedía arredor cunha ironía perplexa, coma se o mundo se acabara de inventar só para el».

As novas reedicións de libros seus acreditan a súa vixencia hoxe en día. Quizais porque o chamado «solitario do hotel Palace» de Madrid (vivía retirado na habitación 383) era todo o contrario do que parecía, como demostraba a xuntanza que encabezaba na Casa Ciríaco e as grandes amizades que mantiña —amizades de sona—, entre as que figuraba o singular Salvador Dalí, que o visitaba con frecuencia no seu cuarto.

O tamén galego Celso Collazo Lema, o primeiro xornalista español que foi correspondente en Moscú, tíñao por un dos máis ilustres articulistas, autor, por outra parte, de libros como La rana viajera (1920), Aventuras de una peseta (1923), La casa de Lúculo o el arte de comer (1929), La ciudad automática (1934), Haciendo República (1934), etcétera. E subliñaba del que viaxara moito e que as súas crónicas eran sempre intelixentes e divertidas, sen que case nunca se puidese distinguir se falaba dun presente xornalístico ou dunha realidade intemporal.

O certo é que o próximo 28 de febreiro fará 60 anos que Camba finou, deixando tras del a vixencia dunha modernidade que aínda non esmoreceu. Chega con lelo para comprobalo. Literariamente, segue vivo. E sen dúbida aínda figura no pelotón de cabeza dos grandes mestres do articulismo.