O CDG sobe ás táboas «A peste» de Camus nunha adaptación «libre e ao tempo moi fiel»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Ensayo de «A peste»
Ensayo de «A peste» Sandra Alonso

O Centro Dramático Galego ofrecerá desde mañá na súa sede, o Salón Teatro de Santiago, unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos nunha situación de crise

19 ene 2022 . Actualizado a las 13:40 h.

Unha lectura teatral de A peste, de Albert Camus. Esa é a proposta coa que comeza o ano o Centro Dramático Galego (CDG) e que desde mañá ata o próximo 13 de marzo se poderá ver na súa sede, o Salón Teatro de Santiago, para ofrecer unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante unha situación de crise. «A peste é a metáfora sobre a terrible hecatombe que foi a Segunda Guerra Mundial, pero como todo texto que se converte nun clásico, sucesivamente, no presente e no futuro, falará do que os lectores ou, neste caso, os espectadores, queiran entender», sinalou Cándido Pazó, encargado da dramaturxia e da dirección desta peza.

A historia conta o que sucede na cidade de Orán durante unha praga, quedando sometidos os seus habitantes a unha corentena. Á hora de facer a adaptación teatral, Pazó destaca que intentaron ser «moi libres e ao mesmo tempo moi fieis para que a esencia de A peste estea sobre o escenario, pero que tamén todo sexa moi fluído». O resultado son dúas horas e 28 minutos de espectáculo onde «hai momentos reflexivos, pero tamén momentos divertidos e mesmo cómicos».

«O texto non fala só de pandemia, senón tamén doutras pandemias como son a guerra, a fame, o cambio climático, as migracións...», resaltou o director do CDG, Fran Núñez, incidindo na implicación dun cento de persoas na montaxe e destacando o amplo elenco con 15 artistas: Nacho Castaño, Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda G. Alfaro, Paku Granxa, Luís Iglesia, Miquel Insua, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, María Roja, Santi Romay e Carlos Sante. A escenografía, de Dani Trillo, ten a particularidade de que vai mudando a cor. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, confía no éxito da montaxe.