Henrique Monteagudo: «O franquismo deixou un desprestixio do galego e é un lastre que segue hoxe»

Monste García SANTIAGO

CULTURA

Paco Rodríguez

O membro da RAG e profesor considera que o idioma saíu ferido de gravidade do período da ditadura

31 ene 2022 . Actualizado a las 13:27 h.

«O galego saíu ferido de gravidade do franquismo». Así o considera Henrique Monteagudo, vicesecretario da Real Academia Galega (RAG) e profesor da Universidade de Santiago, que acaba de publicar o manual O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización (Galaxia), onde analiza a política lingüística durante a ditadura e pon o foco na resistencia galeguista.

-Afirma no limiar que aspira a contar só a verdade e nada máis que a verdade. Tan terxiversado está o que supuxo o franquismo para o galego? Tanto o descoñecemos?

-Si que o descoñecemos moito. En xeral, hai un descoñecemento por ignorancia, pola especie de pacto do silencio da Transición houbo unha tendencia a evitar falar destas cousas. Pero tamén está a emerxencia dos discursos negacionistas, onde hai unha especie de rebelarse contra a verdade dicindo que non se perseguiu o galego, que o franquismo tampouco foi tan malo... É algo que provoca asombro e indignación a quen o viviu. Tamén é unha cuestión que me preocupa moito.

-Fóra da esfera pública e do sistema educativo, non se podían poñer nomes galegos a locais... Cales considera que son as medidas durante o franquismo que máis socavaron o galego?

-Nesto hai que distinguir etapas. Non son as mesmas medidas na década dos 40 que no franquismo final. As maneiras de perseguir o galego foron moi distintas e a presión tamén foi a menos. Pero hai cousas de fondo que foron catastróficas para o galego. Por exemplo, todo o que tivo que ver coas políticas que desertificaron o agro, que provocaron a emigración, que foi moitísimo maior durante o franquismo que antes. Toda unha cultura galega se esfarela xa que constituía un nicho moi importante para a lingua. Ademais, o progreso social durante este período non se pode dar sen unha asimilación ao castelán. E tamén hai outros elementos como os medios de comunicación de masas, sobre todo a radio e a televisión. Antes de difundirse, nas casas das familias que falaban galego o castelán non entraba. Había só un canal de televisión, o do Réxime, e con el introducíanse pautas culturais e inculturais, valores de prácticas lingüísticas. Era meter o castelán nas casas e, ao mesmo tempo, o desprezo polo galego. E iso fíxolle moitísimo dano.

-E fronte a iso contrapón a resistencia lingüística. Como sería hoxe o galego sen a participación activa de persoas que incluso, como vostede comentou, se xogaron a vida por ese motivo?

-Nin existiría este libro nin estariamos conversando en galego. Se non hai un grupo de xente, unha resistencia que permite nunhas condicións de total precariedade dar continuidade á cultura galega que florecera con tanto vigor nas décadas previas ao golpe de Estado, o galego disolveríase, acabaría dialectalizado, converteríase nun castrapo irrecoñecible como lingua. Non creo nin que houbese Estatuto de Autonomía nin a mínima corrente de uso de galego culto. Esa xente foi a que fixo posible manter un pouco aceso o facho. Era a grande obsesión que eles tiñan: trasladarlle a tradición cultural á xente nova que estaba crecendo nun ambiente no que esa tradición estaba totalmente invisibilizada.

-Alude a nomes como Ramón Piñeiro, Ricardo Carvalho Calero e Xesús Alonso Montero como auténticos forxadores de ideoloxías lingüísticas, tamén a Otero Pedrayo, á importancia de Galaxia, de Grial... Se tivera que destacar tres fitos nesa resistencia, cales serían?

-Desde logo a Ramón Piñeiro, porque é o grande ideador da resistencia e o gran estratega. Pero tamén hai que subliñar que un grandísimo acerto desta xente foi o traballo en equipo. Crearon uns equipos —estou pensando sobre todo ao redor de Galaxia—, que souberon combinar moi ben as tarefas conxuntas con non apagar o brillo individual. É unha xeración moi brillante a de Piñeiro, Del Riego, García Sabell, Fernández de la Vega, despois Xesús Alonso Montero... Estes nomes non son un descubrimento, pero funme atopando máis, sobre todo máis adiante. Houbo tarefa colectiva en asociacións que se crearon nos 60 e 70, pero tamén xente que fixo grandes achegas, como Blanco Amor, Rafael Dieste ou menos coñecida... Pero se hai que dicir tres nomes emblemáticos son Otero Pedrayo, como o facho, o continuador; Piñeiro, como gran estratega; e Alonso Montero como o que soubo darlle continuidade desde parámetros ideolóxicos moi diferentes.

-E pese a toda esa resistencia, na presentación sentenciaba que o galego saíu ferido de gravidade do franquismo.

-Si saíu ferido de gravidade. Obsérvase nas grandes cifras da evolución do uso lingüístico e da transmisión da lingua. Na metade do século, por primeira vez, o bilingüismo habitual, o uso do castelán, alcanza proporcións que nunca tivera. Moita xente de sectores sociais que eran monolingües en galego comezan a empregar o castelán. Pero a iso hai que engadirlle que moita xente que se bilingualiza, logo non transmite o galego os seus fillos e fillas. De feito, moita desa xente incorporou o castelán as súas prácticas lingüísticas cando crearon unha familia. Entón, houbo unha grande rotura da transmisión interxeracional da lingua. Ao final do franquismo, o galego aínda seguía sendo a lingua maioritaria na fala —era o 75 %—, pero, se vemos por idades, esas porcentaxes xa caeran moito nas xeracións máis novas. O franquismo deixa unha desgaleguización moi acentuada, pero tamén está a ferida enorme na conciencia social, na imaxe da lingua, o desprestixio do galego. É un lastre que aínda está hoxe, non nos enganemos.

-No libro alude ao traballo dos galeguistas rescatando o galego da categoría de dialecto rústico, pobre e atrasado. Polo que di do lastre, 40 anos despois aínda sobrevive esa concepción da nosa lingua?

-Non desde logo na mesma medida que antes, pero aínda hai sectores importantes da nosa sociedade —ao mellor non tanto polo número, pero si pola súa importancia social—, para os que o galego non é considerado unha lingua. Hai sectores profundamente castelanizados, que se senten moi alleos ao galego e que non acaban de ver que o galego sexa de verdade unha lingua, son os que máis resistiron as políticas lingüísticas a favor do galego e os que máis se acolleron as políticas contra o galego. A maioría da sociedade galega non pensa así, sobre todo a xente nova. Moita xente nova, que pode ter boa competencia en galego e que ten unha idea do galego como lingua de verdade, bonita, prestixiosa, despois non ten un contacto vital forte coa lingua porque xa non a aprenderon na súa casa, xa non se fala no seu medio... Entón, poden ter unha boa imaxe do galego e competencias, pero o problema é que desapareceron as posibilidades de empregar o galego na súa vida real. Entón aí o problema xa é outro.

«Agora o desafío é gañar consenso social ao redor da lingua»

Monteagudo analiza a situación do galego durante o período franquista, pero tamén mira cara adiante pola incidencia na situación actual. No 2025 prevé completar o repaso desde o ano 1975 ata a actualidade.

-No traballo recolle que se ata o 75 o obxectivo era a resistencia, despois desa data pasou a ser a normalización. Conseguiuse esa normalización ou a lousa da herdanza do franquismo segue pesando demasiado?

-Non quero dicir que despois da morte de Franco se conseguira a normalización, quero dicir que durante o réxime franquista, os que se enfrontaron a el, o único horizonte que tiñan era a resistencia porque podían soñar coa normalización, pero sabían que non ía a ser posible. En cambio, cando se acabou o Réxime, a nós legáronnos ese horizonte utópico da normalización. Un horizonte moi difícil de conseguir, precisamente, pola pesada herdanza da que estivemos no que se refire á realidade social do idioma como o que se refire aos imaxinarios sociais acerca da lingua. Conseguiuse ou non? O resultado é moi desigual. Conseguiuse moito menos do que creiamos que se ía lograr. Conseguiuse bastante menos, seguramente, do que se podería ter acadado. Nalgunhas cousas avanzouse moito, como en todo o que é a estandarización da lingua. Se vemos a calidade do galego escrito hoxe, en xeral, é superior ao de hai 40 anos. No galego falado, depende. Pero isto hai que relativizalo. Hai bastantes neofalantes, o que é moi bo, pero eles teñen problemas sobre todo para falalo. En canto a normalización social, en canto a ámbitos de uso, incrementáronse moito: aí está a literatura florecente que temos. Pero logo se te fixas nas dinámicas sociais da lingua non podemos estar nada contentos nin ser moi optimistas, e iso ten que ver coas políticas lingüísticas que se fixeron: ou insuficientes, ou mal orientadas, ou, ás veces, ineficaces.

-Fan falla novos ‘resistentes', entón, na actualidade?

-Sería poñerse un pouco estupendo pensar que hoxe a política é de resistencia. Hoxe, no contexto actual, non ten sentido falar de resistencia. Os desafíos hoxe son de futuro, de gañar as maiorías sociais, de gañar consensos sociais ao redor do idioma e de conseguir accións eficaces, comprometidas coa lingua no eido da Xunta, dos concellos, das empresas, dos axentes sociais... Non lle chamaría a iso unha política de resistencia, senón máis ben proactiva, unha capacidade de xerar proxectos ilusionantes, de ir a conquistar ás maiorías sociais. Penso que na actualidade ese é o desafío porque o galego ten futuro. Si que é verdade que as novas xeracións que se están enfrontando con ese desafío —que é un desafío moi difícil, non quero dicir que é máis fácil co da resistencia—, pero claro faise nunhas condicións moi distintas. Ninguén vai ir á cadea pola lingua galega. Hai que saber loitar no contexto actual, nunha sociedade aberta, democrática e na que o desafío é cambiar as vontades e ilusións da maioría da xente, pero non hai que resistir a unha opresión. Puntualmente si, porque aínda hai algunhas prácticas represivas contra o galego, pero é algún feito máis puntual que non a pauta xeral. O que podemos ver no libro é un exemplo de como a xente se soubo organizar, soubo subordinar as diferenzas para buscar unhas colaboracións eficaces, cunha perspectiva de longa visión, amplitude, e de saír un pouco dos círculos pequenos e de intentar buscar complicidades na sociedade. É dicir, unhas estratexias gañadoras que son as que temos que buscar, conseguir...

-Como se atopa agora o galego?

-Nunha situación altamente preocupante. Non hai moito tempo na RAG presentamos un estudo sobre a poboación escolar do concello de Ames que fai un retrato moi cru dunha realidade moi dura. As novas xeracións teñen problemas moi serios para socializar en lingua galega. A xente que non recibe o galego na casa non ten fácil atopar os espazos para aprender a utilizalo; e a xente que recibe o galego na casa aínda se ve obrigada a deixalo na casa cando chega ao sistema escolar, cando pasa da escola ao instituto... Vemos que eses mecanismos que en boa parte foron implantados polo franquismo seguen funcionando. Pero, por outra parte, tamén vemos rapaces ou rapazas, que aínda que non tiveron o galego porque non o recibiron ou tiveron que abandonalo, cando se fan máis maiores, na adolescencia, na mocidade, cando chegan á universidade ou se incorporan ao mundo laboral, pois recuperan a lingua. Creo que agora mesmo hai unhas novas xeracións que están reencontrándose co galego, hai unha enorme creatividade. Noto unha corrente a favor do galego entre a xente nova, incluso entre a desgaleguizada, que me recorda a de cando eu era mozo. Na saída do franquismo houbo unha corrente fortísima na xente nova, incluso entre a que tiña estudos que era a máis castelanizada, unha corrente de simpatía, de galeguización... O movemento galeguista marcaba a pauta e a xente vía no galego un elemento de innovación, de creatividade... Estouno vendo agora. Aí está o fenómeno de Tanxugueiras.

-O futuro está, entón, nos neofalantes e nos que se reencontran coa lingua?

-Si, o futuro está nestas novas xeracións que atopen a maneira de reencontrarse co galego e descubrir no galego unha fonte dunha identidade, pero dunha identidade feliz. Buscar un elemento dun benestar cultural, de sentirse en paz co país, coa tradición cultural. Despois de discursos tan feos de hai unha década, da imposición do galego, hoxe ese discurso aquí en Galicia non venden.