
O intérprete ourensán, premio Goya ao mellor actor revelación polo seu papel en «Las leyes de la frontera», segue en Galicia pero non descarta instalarse en Madrid
16 feb 2022 . Actualizado a las 05:15 h.Premio goya ao mellor actor revelación polo seu papel no filme de Daniel Monzón Las leyes de la frontera, Chechu Salgado (Sober, 1991) é un dos homes do momento do cine español. Deuno todo na rodaxe, no estrado ao recoller o cabezón e na longa celebración posterior. Está de volta.
—Gañar un goya é especial?
—Foi bestial. Estou moi contento e emocionado, e agradecido por todo o cariño recibido. Foi un domingo atronador, unha fin de semana criminal. Por iso me volvín estes días para Ourense, para descansar un pouco de todo este ruído. Ademais, estou rodando en Santiago Motel Valquirias, coprodución portuguesa da compañía CTV para emitir na televisión pública lusa, TVG e HBO.
—Toca regresar ao cotián.
—Aínda estou intentando baixar á terra. Tamén quero desfrutar o momento, que dure este bo sabor de boca.
—«Serramoura», «Fariña», «Patria», «Las leyes de la frontera»... Vaia camiño de éxito. Vostede naceu de pé.
—A verdade é que boto a vista atrás e estou moi orgulloso do traballo feito e do éxito e da calidade dos proxectos nos que andei metido.
—A serie de Voz Audiovisual «Serramoura» foi a súa toma de contacto coa profesión.
—Aprendín moitísimo e desfrutei outro tanto en Serramoura. Foi o meu primeiro papel profesional no sector audiovisual. Aínda o falaba hai nada con Alberto Guntín, o guionista, e a directora de produción Paula Fernández. Déronme a miña primeira oportunidade. Para min, foi un máster total traballar con xente que leva ás costas moitos anos de oficio.
—E de súpeto o salto ao cine, cun título desta envergadura, con Daniel Monzón.
—Foi o meu bautismo. Participei no cásting e chamáronme. Antes só fixera unha moi pequena aparición, nunha secuencia, no filme de Ignacio Vilar María Solinha. Pero isto é unha produción grande, dentro do cine español, un papelón protagonista e un traballo que esixe estar tanto tempo inmerso na rodaxe e todos os días. Só podo estar agradecido, foi unha oportunidade inmensa. Xa desde os inicios intúes que tes algo moi gordo entre mans.
—Lera a novela de Javier Cercas que adapta Monzón?
—Lin a novela en canto souben do proxecto. E encantoume. Fun collela á biblioteca de Ourense e devoreina nunha fin de semana.
—E xa se viu aí como Zarco.
—Namoreime do personaxe de Zarco nada máis entrar na novela. E díxenme, claro, quero estar aquí si ou si.
—A vostede o mundo «quinqui» dos setenta quédalle lonxe.
—Si, pero eu de moi novo, con 14 ou 15 anos, xa vía esas películas das décadas dos 70 e 80, uns anos especialmente atraentes para min tamén no tema musical. Daquela gozabamos co cine de José Antonio de la Loma, Eloy de la Iglesia ou filmes como Deprisa, deprisa de Carlos Saura. Era moi fan ademais dos fanzines e das historietas de El Víbora, que tiña á man porque o meu pai coleccionaba a revista.
—Era vostede un rapaz de barrio de Ourense ou de Sober?
—Niso temos un pique gracioso. Eu son de moitos sitios. Nacín en Sober, pero vivo en Ourense. Nacín en Sober porque a miña nai é de alí, e cadrou así o parto, daquela estaba na casa, viuse apurada e tirou para Monforte. Tamén son das fermosas terras de Celanova [ri], porque o meu pai é de Casardeita, en Ramirás, e facía vida en Celanova. Pero si, eu crieime como rapaz de barrio, porque naquel tempo Ourense era todo un gran barrio. Cando adolescentes, e ata os vinte anos, coñeciámonos todos, da rúa, dos viños, dos bares...
—Iso marca, non se esquece. Pero agora andará deseguida a afincarse en Madrid.
—Son moi consciente de onde veño e quéroo seguir sendo. Non estou afincado en ningures, sigo en Galicia e vou traballar a onde me chaman, onde apareza un proxecto bonito. Botei dous anos en Madrid e non descarto regresar, nin descarto nin confirmo [ri]. Daquela estiven a gusto. E non tería problema ningún en volver. De feito, hai moitas posibilidades.
—E o cine español, gústalle? Parécelle un lugar ao que aspirar?
—Hai grandísimos profesionais, consagrados dentro e cunha grande reputación fóra do país. Viuse nestes Goya, Monzón, Bollain, Almodóvar, León de Aranoa... e moitos outros. Hai calidade a eito, o cine español é pura vida. Ogallá sigan contando comigo e ogallá a xente siga mercando entradas para ir ao cine. É un lugar no que un quere traballar, fanse moi boas películas.
«Tito Asorey meteume o “gusanillo” no corpo»
Sexa en Serramoura, Fariña, Patria ou Las leyes de la frontera, Chechu Salgado anda sempre en papeis de malote.
—Iso decídeo o espectador. Gustaríame representar outro tipo de papeis. De todas maneiras, por exemplo, o Javi Bustelo de Fariña era un narco, pero a que movía os fíos era a súa parella. Como narcotraficante, dedicábase ao mal, pero facíao por amor, en realidade actúa case a despeito. A min o que me interesa son os antagonistas que non son malotes na raíz. Os malos bos, vaia. Son moi atractivos.
—Como Zarco.
—Zarco fai cousas inxustificables. Iso é innegable. Pero ten unha forma de entenderse coa xente, de coidar a pandilla, con valores moi defendibles como a lealdade, a amizade, o amor...
—Encadrarano nese perfil?
—Son actor. Quero interpretar todo tipo de personaxes. Gústame a comedia, o drama, a intriga, todo.
—O de «Las leyes de la frontera» foi un traballo coral.
—Si. Marcos Ruiz, Begoña Vargas... e toda a banda. Sen eles sería imposible entender a figura de Zarco, o espírito do personaxe. Foi unha cousa preciosa traballar con eles, cunha xente tan nova, incluso debutantes, con tanta gana de facer, con tanta forza.
—O cine é o seu obxectivo?
—O meu obxectivo é actuar, facer ficción. En calquera medio, sexa cine, televisión ou teatro, tanto ten.
—Teatro tamén?
—Empecei facendo teatro, claro, foi o meu obradoiro. Na ESAD [Escola Superior de Arte Dramática] en Vigo e antes no bacharelato na Universidade Laboral en Ourense. Foi aí, no grupo de teatro Tarumba, cando empezou esta aventura, con Tito Asorey. A el débolle todo, foi el quen me meteu o gusanillo da interpretación no corpo.