Carlos Núñez e Baiuca: dúas iconas da música tradicional de Galicia, xuntas nunha canción

Javier Becerra
Javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Carlos Núñez e Álex Guillán (Baiuca), na rúa do Vilar en Santiago.
Carlos Núñez e Álex Guillán (Baiuca), na rúa do Vilar en Santiago. PACO RODRÍGUEZ

Os músicos tenden pontes xeracionais en «Solsticio», unha alborada de inspiración lusa que acada unha nova textura coa electrónica

16 feb 2022 . Actualizado a las 11:01 h.

Álex Guillán, o responsable do proxecto Baiuca, tiña oito anos cando viu un concerto de Carlos Núñez en Vilagarcía de Arousa. «Eu non era gaiteiro entón, pero aquel directo foi o xerme de querer selo», lembra. O autor de A irmandade das estrelas soubo de Baiuca hai pouco. Nunha entrevista en La Voz de maio do 2021 Guillán mencionábao como referente. «Intereseime por saber quen era e pareceume moi interesante o que facía», comenta Carlos Núñez. Os dous comparten mesa no café Paradiso de Santiago, decláranse admiración mutua e tamén falan de Solsticio, o seu tema conxunto, que tende unha ponte entre dúas xeracións da música de raíz en Galicia e que se publica mañá nas plataformas dixitais.

Falan dun mesmo contido, aínda que a linguaxe evolucionase. «Antes dicían etno-dance e agora chámanlle folktrónica», sinala Núñez, motor do encontro. Guillán admite que pensou en contactar con el en varias ocasións no pasado, pero non chegou a facelo. «Non me gusta que me digan que non», ri. Por iso a invitación para participar na revisión de A irmandade das estrelas polo seu 25.º aniversario foi un doce que non podía rexeitar. Daquel encontro xurdiu a posibilidade de recuperar unha alborada inédita de Núñez. Baiuca refíxoa, converténdoa nunha creación diferente.

«É un traballo marabilloso —sinala Núñez—. Isto é música molecular. Trátase de poñer cousas en lugares diferentes e combinar esas moléculas. Hai anos que traballo con alboradas do norte de Portugal. Están en modo dórico. Curiosamente é unha escala que se utiliza moito no trap. Bad Bunny, por exemplo».

«Baiuca deulle outra cociña molecular. É moi parecido ao que fixo Ricardo Portela nos anos cincuenta con Aires de Pontevedra —explica Núñez—, que hoxe é unha das melodías de gaita máis coñecidas do mundo. É unha peza que vén da tradición do século XIX. En Caracas, Portela cortou e pegou. Fixo un formato en ton maior ao gusto da época, con dúas partes». Baiuca someteu Solsticio a un renacer electrónico con loops, incluíulle tamén o sample dunha gravación tradicional de Paulino Pereira João e outorgoulle un toque contemporáneo. Créase así outro paso na cadea evolutiva de algo que, insisten, en esencia é o mesmo. «Antes o trance era coller unha gaita ou unha pandeireta e facer música —pensa Guillán—. Dalgún xeito é algo que me perseguiu dende o primeiro momento, entender que iso era algo común entre a música electrónica e a tradicional. Como se busca ese loop continuo de xente tocando durante toda a noite co mesmo ritmo e que entre. Por iso casa todo tan ben».

O próximo 25 de febreiro Baiuca actúa na sala Pelícano da Coruña. Ao mencionar a data, Núñez pregunta: «E se a facemos en directo ese día por primeira vez?». «Pois vale», dille Guillán. Queda anotado entón.