O Consello da Cultura publica partituras inéditas de Carlos López García-Picos
CULTURA

O compositor betanceiro conta xa cunha entrada propia no Álbum de Galicia da man do músico e investigador Javier Ares
24 feb 2022 . Actualizado a las 00:49 h.Co gallo do centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1922-Oleiros, 2009), o Consello da Cultura Galega (CCG) publica un grupo de partituras —obras para violín e violonchelo, algunhas inéditas— do compositor galego. Ao tempo, incorpora a súa figura, con entrada propia, asinada polo músico e investigador Javier Ares, ao Álbum de Galicia, proteica sección que medra pouco a pouco na páxina web da institución.
Ares explica que López García-Picos tomou o seu nome artístico do segundo apelido do pai, que foi quen o introduciu na paixón pola música. Exiliados en Arxentina, integrouse cedo nos círculos musicais e culturais da capital. Acadou unha bolsa de formación da Embaixada Cultural de Francia, coa que se traslada a París a completar a súa formación e, de paso, a contactar coa colectividade galega. Integrouse na Casa Galicia de París, onde participou na reorganización do seu coro, unha mostra máis do seu carácter activo.
A entrada detalla como o gran centro da súa composición xirou en torno ao regreso a Galicia, onde atendeu encargas da Orquestra Sinfónica de Galicia, elaborou obras de cámara para grupos liderados polo clarinetista Jesús Villa-Rojo e participou nunha publicación de partituras do Curso Música en Compostela. «O seu estilo, sempre vangardista, segue flutuando sen parar durante estes anos. Pero podemos observar algúns eixes nos feitos inspiradores da súa linguaxe musical: a Guerra Civil volve unha e outra vez á súa memoria, e están moi presentes as elexías a amigos finados, as homenaxes aos galeguistas de Buenos Aires ou á natureza», subliña Ares.
García-Picos foi un músico sobranceiro e multifacético (compositor, director de corais, dinamizador cultural, fundador da Asociación Galega de Compositores, membro fundador da Confederación Española de Asociaciones de Compositores Sinfónicos...) sempre comprometido coa causa da cultura galega.
O CCG afondou este martes na súa figura coa xornada Perspectivas atlánticas. Transculturación musical no século XX, que abordou tamén a situación dos músicos galegos na emigración americana e serviu para presentar Obras para violín e violonchelo, publicación que xunta unha parte importante do legado inédito de García-Picos editado por Joám Trillo. María del Carmen Lorenzo Vizcaíno e o propio Ares son autores do estudo introdutorio, no que apuntan que o seu catálogo está formado por «141 creacións, un amplo abano de obras sinfónicas, cuartetos, pezas pianísticas, para violonchelo e para diversas formacións camerísticas».