Henrique Peón: «Unhas pandeireteiras a Eurovisión? Dinmo nos anos oitenta e non o creo»

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Henrique Peon nunha rúa de Betanzos
Henrique Peon nunha rúa de Betanzos CESAR QUIAN

Prepara o espectáculo «Endaterra», baseado nas diversas manifestacións do folclore galego no Camiño Inglés

01 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata xuño non se poderá ver. Trátase de Endaterra, o novo espectáculo no que traballa Henrique Peón (A Coruña, 1963), director do grupo de música e baile tradicional Xacarandaina e da compañía de danza Quique Peón Cía. Nas últimas semanas facía un chamamento para xuntar ás 80 persoas que se subirán ao escenario para dar forma a esta representación baseada no Camiño Inglés que vai da Coruña a Santiago e de Santiago a Fisterra. «Percorremos ata 18 concellos. Formamos o espectáculo grazas a todo o traballo etnográfico que se fixo de recollida de campo durante anos neses lugares», sinala.

—Fan un percorrido pola diversidade do folclore da ruta?

—Si. Por exemplo, o espectáculo chega a Dumbría e hai algo que evoca ese sitio. Todo o que se ve en Endaterra forma parte do noso patrimonio inmaterial. Esa parte de Galicia é moi rica a nivel folclórico. Hai ata muiñeiras do século XII. Nalgúns casos tivemos que volver a investigar porque o material que había non era suficiente. Ocorreu en Dumbría, Oroso e Mesía. Atopamos traxes, cancións e gaiteiros antigos. Inclúese todo no espectáculo.

—Cal será o argumento?

—Parte dunha muller aristócrata de orixe escocés que vive en Londres e ten unha doncela galega. Deciden vir e facer o Camiño de Santiago, pero no ano 1900. A esta señora, digamos que todo lle cheira a bosta, pero logo vaise metendo no allo... e non podemos contar máis [risas]. Pasan cousas máxicas e creo que vai ser moi impresionante. Só polo feito de ter a 80 persoas no escenario creo que vai ser un espectáculo bastante potente, que é do que se trata.

—Vén de facer «O poder do arcabuz», considerado un dos espectáculos de danza máis ambiciosos creados en Galicia. Este é igual de grande?

—Aquel era en clave máis contemporánea. Este é máis etnográfico, como se estiveramos recorrendo diferentes páxinas de historia. Os espectáculos sempre os fago diferentes, non me gusta repetir claves. Este sería como unha zarzuela enxebre, algo así.

—Un espectáculo amable?

—Si, como un musical. Un espectáculo asimilable por todo tipo de públicos.

—Fala das recollidas folclóricas feitas en Galicia. Hai urxencia de rexistrar todo iso antes de que non haxa nada que gardar?

—A única maneira de gardalo é gravalo, documentalo e poñelo en arquivo para que despois os futuros veñan a investigar sobre ese traballo. Levámolo facendo dende os anos oitenta. Somos os pioneiros neste tipo de traballo. Levamos 42 anos na brecha. Nós e moitos outros grupos. Eu pensaba que pouca cousa íamos atopar nesta fase de investigación, pero aínda hai. É un traballo contra o reloxo porque os informantes desaparecen e a universidade do pobo vaise con eles.

—Queda veta da que sacar ouro?

—Menos, pero sempre hai. É moi importante. Froito dese traballo é todo o que está pasando na música galega co bum de Eurovisión. Ven de aí. As bases do hórreo están aguantando a estrutura. Sen iso non habería nada.

—As Tanxugueiras, antes de ir ao Benidorm Fest, destacaban a importancia desas recollidas. Pode que, sen iso, formacións como a delas non existisen hoxe.

—Estamos moi orgullosos, é un recoñecemento. Eu montei o primeiro grupo de pandeireteiras de Galicia en escenario, en Xacarandaina. Eran outros tempos moi diferentes. Unhas pandeireteiras con posibilidades de ir a Eurovisión? Dinmo nos anos oitenta e non o creo, vaia, daríame a risa. Mira agora onde estamos.

—Normalmente, estes fenómenos con toque moderno xeran controversia entre os puristas. Coas Tanxugueiras non está ocorrendo, parece que todos as queren.

—É que un pobo, aparte de manter as tradicións puras, se non crea non é pobo. A creación baseada no tradicional ten que existir, senón estariamos sempre picando na mesma pedra. As dúas cousas funcionan ben. Poden ser coetáneas perfectamente e chegar a un fin: sentirnos todos orgullosos das nosas tradicións e da nosa música.

—Estamos nun punto de inflexión?

—Absolutamente si.

—Máis alá do caso Tanxugueiras, semella que existe un vento a favor para esta cultura que dende o local non ten fronteiras.

—Xa levamos anos cos nosos artistas polo mundo adiante. Carlos Núñez, Mercedes Peón, Xabi Díaz e Luar na Lubre levan anos acudindo a festivais internacionais e sendo moi aplaudidos en todo o mundo. Agora, con esta nova situación, a ver se somos capaces de darnos conta de que a nosa música e o noso baile encantan no exterior. Porque son orixinais e tocan o corazón. A ver se espertamos, os artistas e as institucións públicas.

—Baiuca e Carlos Núñez presentaron hai uns días un tema conxunto. O primeiro falaba nas entrevistas de Mercedes Peón. Está todo unido?

—Claro, Merce estivo de número un en revistas británicas de world music. E, Carlos, vas a calquera parte do mundo e coñéceno. Son referentes de Galicia. É normal que a xente nova mame deles. En Galicia necesitamos heroes.