A obra de Lorca reivindica o seu legado de paz

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Ian Gibson, este mércores en Compostela, acompañado por Navia Franco e Manuel Fraga.
Ian Gibson, este mércores en Compostela, acompañado por Navia Franco e Manuel Fraga. Paco Rodríguez

O hispanista Ian Gibson abriu en Compostela as xornadas «Diálogo e Concordia» falando do poeta e de Galicia

10 mar 2022 . Actualizado a las 05:15 h.

De súpeto, no medio de tanta rapazada, chega un aroma de lembranzas afastadas. Volutas do Winston que fumaba a súa nai e coa que unha cativa bautizou a aquel irlandés que visitaba Vigo tentado polo seu pai, Xosé Luís Franco Grande, para coñecer o derradeiro gobernador civil republicano de Granada, César Torres. Co tempo, a xornalista Navia Franco había de aprender ben o apelido de Ian Gibson, reputado hispanista, coñecedor ata o derradeiro signo de puntuación das 5.000 páxinas que Federico García Lorca produciu en apenas vinte anos, dende que en 1916 comezou a escribir baixo a influencia de Rubén Darío ata que foi asasinado en agosto de 1936.

A Gibson recibiuno este mércores un Santiago lonxe do sol —como había de ser doutro xeito?—, unha cidade que se espreguizaba co murmurio das gaitas chamando aínda por Danny Boy. «Siempre he pensado que había una hermandad entre Galicia e Irlanda y cada vez que he venido aquí lo he sentido», dicía este español por elección, non por nacemento, poucos minutos antes de cruzar as portas dun auditorio ateigado para falar, tamén, deses seis poemas en galego que abrollaron cara á eternidade da pluma dun poeta «cósmico» grazas, sobre todo, á axuda de Ernesto Guerra da Cal, ao que o diálogo e a concordia vencellou nunha amizade sincera e moi cariñosa a Franco Grande.

Se cadra (máis ben de seguro), son estes tempos nos que eses alicerces abanean, enfebrecidos co estoupido das bombas, como abanearon nos anos nos que Federico García Lorca producía as derradeiras das 5.000 páxinas —«él quería cambiar la sociedad con su obra»— que ben poderían servir de prólogo das xornadas que organiza o Casino de Santiago e que reivindican, no seu nome, diálogo e concordia.

Unhas palabras que se esnafran no cotián, contrarias a unha actualidade preñada de «autoritarismo, imposición, intolerancia e abuso de forza, que é o que estamos vendo a non tanta distancia de onde estamos sentados». A historia de Europa é a historia da guerra.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, viaxaba coas súas palabras a unha Ucraína na que Ian Gibson vía reflectidos os derradeiros estertores da Guerra Civil. Os milleiros de refuxiados fuxindo cara a Europa fixérono pensar na diáspora española, resumida na imaxe de Antonio Machado cruzando a fronteira cara ao exilio coa súa nai, que preguntaba, se cadra xa lonxe daquel mundo, se xa estaban chegando a Sevilla.

Gibson falaba no IES Rosalía de Castro 90 anos despois da conferencia de Lorca no claustro do instituto. E trouxo, como no seu día o poeta granadino, palabras de paz, que xa espallara nun encontro co alumnado de Pontepedriña e Sar. «Él [García Lorca] quiere también la España que queremos nosotros», subliñaba: unha España en liberdade, onde todo o mundo poida vivir con tranquilidade. «Creo que el hispanismo hace su contribución a ese proceso, yo hago lo posible y Lorca tiene también mucho que ver con todo esto». Por iso reivindicou que se siga buscando ao poeta: «Tenemos que recuperar sus restos para que sea respetado por todos los españoles, porque su mensaje es de amor al prójimo, de fraternidad».

«Lembrade que para que o diálogo e a concordia frutifiquen hai que cultivar a maior creación humana: a empatía», recomendaba o director do instituto Rosalía de Castro, Xavier Mouriño, á rapazada que alí se congregaba.

Co perdón gardado a carón da postal que lle enviou para desculparse por roubarlle ao seu pai o día que facía trece anos, Xosé Luís Franco Grande levara a Ian Gibson e á súa dona, Carole Elliot, a coñecer a Ernesto Guerra da Cal, Navia Franco lembraba que o hispanista é unha «peza fundamental» na recuperación da memoria de España, que Gibson quere ver «en paz» para comezar a construír un futuro que xa é posible. Con concordia e diálogo.