O cineasta Eloy Domínguez Serén, Biznaga de Plata á mellor curta de ficción por «Rompente»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Domínguez Serén, en Málaga, feliz, posando coa estatuíña que acredita «Rompente» como a mellor curta do certame.
Domínguez Serén, en Málaga, feliz, posando coa estatuíña que acredita «Rompente» como a mellor curta do certame.

O xurado do Festival de Málaga enxalza o filme pola «calidade fantástica» da dirección e a interpretación

27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A estrea da curta Rompente, primeiro traballo de ficción do cineasta galego Eloy Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985), non puido ser máis acaída. O filme mereceu a Biznaga de Plata ao gañar o concurso de curtametraxes de ficción do Festival de Málaga, impoñéndose entre as vinte pezas participantes, algunhas delas de autores consagrados e viñan de pasar por importantes citas internacionais como Cannes ou Venecia. «O nivel do certame foi excelente. Estamos súper felices, emocionados porque xa no momento da proxección as sensacións foron moi positivas», relata Domínguez Serén, que explica que estivo acompañado polos actores protagonistas, Sergio Baleirón e Soraya Luaces, o que fixo a experiencia especialmente bonita porque «para eles todo era novidoso e alucinante».

O realizador conta como o xurado lle trasladou os seus unánimes eloxios pola «calidade fantástica» da dirección e a interpretación. Tamén a súa admiración polo universo creado, e polo poder que a lingua ten na autenticidade e verdade desa creación. «Enxalzaron o retrato que a curta ofrece dunha realidade dura pero moi fermosa, sostida, dixeron, por unha paisaxe moi física e a notable química existente entre os dous actores [non profesionais e debutantes], que logran esa intimidade tan táctil». O xurado reparou na procedencia do autor do documental e sinalou como iso se transparentaba no modo en que estaba filmado o traballo.

Serén considera fermoso que, no medio de tanta crispación e polarización, un festival español apoie unha cinta rodada en lingua galega. É máis, percibiu «cariño e moita comprensión» fronte ao feito da lingua como elemento de identidade propia. Cousa que, di, tamén viu que ocorría ante o novo longo de Carla Simón, Alcarràs, no que se fala un catalán moi localizado en Lleida. Disto, conclúe, tira unha lectura política: «Os cidadáns demostran marabillosamente que van sempre por diante de gobernantes e políticos ao superar eses discursos de odio e fragmentación».