Castelao na URSS

CULTURA

02 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Consulto o volume II de Castelao. Construtor da nación, da monumental monografía de Miguel Anxo Seixas Seoane. Estas catro mil páxinas constitúen un esforzo hercúleo, único no xénero. Non é a primeira vez que manifesto o meu asombro por esta insólita e magna triloxía, froito de moitos anos de amor e erudición, de amor e pedagoxía (que diría don Miguel de Unamuno). Publicouna a editorial Galaxia (2019-2021).

No segundo volume dedica o autor unhas trinta páxinas á viaxe de 26 días feita por Castelao á URSS como membro dunha delegación española cuxa misión esencial era asistir ao desfile, en Moscova, do Primeiro de Maio de 1938. Hai dez anos, eu publiquei un libro co título Castelao na Unión Soviética en 1938 e que subtitulei Filocomunismo e prosovietismo de Castelao nos anos da Guerra Civil (Xerais, 2012). No volume de Seixas cítase non poucas veces e insístese no feito de que o artista galego no seu periplo soviético non se decatou (ou non nos alertou) das tristemente célebres purgas estalinistas, cuestión non ausente no meu libro. Seixas debrúzase no tema e achega un texto de Castelao sobre a cuestión que eu descoñecía hai dez anos. Trátase dunhas palabras do pintor Eugenio F. Granell, militante do POUM, partido marxista daquela implacable co socialismo da URSS.

Son unhas palabras, moi antisoviéticas, que Granell pon en boca de Castelao, que acababa de chegar a Barcelona procedente da Unión Soviética. A min, o relato de Granell suscítame algunhas dúbidas. É impensable que Castelao, leal co Goberno da República, proferise unha requisitoria pública contra «a nación amiga», como lle chama Delgado Gurriarán á Rusia soviética nun poema de 1938. Tales palabras non cadran cunhas declaracións, de Castelao, nas mesmas datas, que o propio Seixas cita: «Ahora conviene que haga una pequeña aclaración. Yo no soy comunista. No sé si pesan sobre mí prejuicios adquiridos en la infancia y en las lecturas de libros venenosos. Pero [...] en mi viaje a la URSS he adquirido la convicción de que allí se está engendrando una nueva vida que ha de ser el molde de los demás pueblos del mundo».