Esta noite, na sala Garufa da Coruña, interpretará en solitario o espectáculo que facía xunto a el
20 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado 22 de febreiro faleceu subitamente o actor e humorista Pedro Brandariz aos 44 anos. O suceso conmocionou o mundo da cultura e do espectáculo en Galicia, onde era unha persoa moi querida. Dúas semanas antes, Brandariz mantivera un encontro con Antón Reixa. Había que falar do futuro da peza teatral Melancoholemia, unha colaboración entre ambos que empezara en xullo de 2020. «É unha comedia dramática que se estreou na Mostra Internacional de Ribadavia xunto a Pedro Brandariz. Despois daquela función fixemos varias máis por Galicia», lembra o escritor e líder de Os Resentidos. Aquel día ambos decidiron que as representacións que faltaban faríaas Reixa en solitario, mentres que ambos empezaban a deseñar un «espectáculo novo baseado no Récord Guinness».
Ese novo espectáculo dificilmente terá lugar. «Estaba nunha fase moi embrionaria e, sinceramente, non sei se terei ánimo para escribilo xa que era unha idea en común, pero todo pode ser», subliña Reixa. Pola súa banda, os últimos suspiros de Melancoholemia converteranse nunha homenaxe póstuma a Brandariz: «Para min vai ser un pouco traumático, porque ademais dunha gran persoa era un gran actor. Eu son un furtivo no mundo da escena. Aprendín moito del e sentíame moi seguro. Por iso a actuación quérolla dedicar á súa memoria. Espero sobrepoñerme á emoción».
Esta primeira vez sen o seu compañeiro será hoxe no Garufa Club de A Coruña (20.30 horas, 12 euros). O seu recordo planeará no ambiente. «En lugar de dialogar con el fágoo cunha pantalla que ten unha voz robotizada —explica Reixa—. É distinto e moi especial para min. Creo que Pedro estaría contento de que seguira adiante e fixera como el, que nunca dicía que non a nada e sempre estaba disposto a calquera tipo de proposta».
«Vida dun mamarracho»
En Melancoholemia, un espectáculo subtitulado como «vida de mamarracho», Reixa propón aos asistentes unha visita a unha institución mental nunha xornada de portas abertas. El representa ao paciente encargado de darlles a benvida. «A dirección do centro decide que podería ser algo atractivo para a visita, incluso coa absurda pretensión de que dixera que alí non o trataban demasiado mal —subliña—. O resultado é absolutamente estrambótico e é unha viaxe máis alucinatoria que real dun personaxe que se chama mamarracho e vai camiñando por Galicia de Fontán e moitos lugares máis».
Na nota de prensa insístese en que o relato non é autobiográfico. Tamén que existe un libro co texto que se poderá mercar na función. O de que a pantasma de Pedro Brandariz achegará sorrisos nunha noite moi especial dáse por contado.