«Tu carta eres tú»

CULTURA

29 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un intelectual escribe unha carta, de resposta, a unha muller, e faino con expresións como esta: «Tu carta eres tú. Maravillosa, única. La conservaré como una joya». É o escritor que, dous anos despois, despídese da destinataria deste xeito: «Todos los días contemplo tu retrato y me consuelo y conforto mirándolo». Estas e outras expresións máis ou menos semellantes abundan nas cartas deste autor do que moitos sospeitarán que se trata dun mozo novo tolamente namorado desa muller.

Pois ben, o autor, lonxe de ser un mozo novo da época romántica, xa cumprira 62 anos e exercía, como catedrático, na Universidade de Santiago na década dos cincuenta. Trátase —sospeitarán algúns— da carta a unha amante ou a unha esposa moi amada. Non hai tal. Desde o 2007 saben os eruditos que o autor de tales cartas chamábase Ramón Otero Pedrayo e tamén saben que a destinataria destas conmovedoras páxinas non era a súa esposa nin unha amante máis ou menos clandestina: era dona Eladia Pedrayo Ansoar, nai do eminente polígrafo ourensán.

Consérvanse 1.028 cartas de don Ramón á súa «Queridísima mamaciña mía», publicadas no ano 2007, en Galaxia, polas profesoras Patricia Arias Chachero e Mónica Pazos Martínez. Nesas cartas prodíganse despedidas como estas dúas: «Adiós, preciosa mamá. Recibe mil besos y el corazón de tu hijo que te adora y suspira por verte» (1946); «... qué rara me parece esta semana sin tomar el Castromil o el tren para visitar a mi amor» (1951). Nesta data, don Ramón tiña 63 anos e dona Eladia xa cumprira 92, e nunca hai, na prosa epistolar do fillo, palabras ou expresións que soen retóricas. Carteouse con ela, ás veces diariamente, desde 1905, con 17 anos.

O pasado sábado, 23 de abril, no Liceo de Ourense, a Fundación Otero Pedrayo organizou unha xornada de catro conferencias, co título Abril oteriano, no que disertaron Henrique Monteagudo —Otero e a represión lingüística no franquismo—, Xosé Manuel Salgado —unha novela inédita de don Ramón— e Miguel Anxo Seixas Seoane —a relación de Castelao co homenaxeado—. Eu volvín, de novo, sobre A inmensa e prodixiosa literatura epistolar de Otero Pedrayo.