Estoutro día estiven nunha romaría popular no concello da Estrada. A devandita festa, e toda a súa pompa, xiraba en torno á figura de San Xurxo. Polo visto, neste lugar, chamado Cereixo, hai unha forte e antiga devoción a este santo. Considérano o seu patrón e atribúenlle poderes para sandar aos animais. Entre os actos do día, o santo saíu en procesión e aí estaba a icónica e recoñecible figura do San Xurxo matando coa súa lanza un dragón que representa o mal.
Coas informacións que teño púxenme a pensar neste animal mítico, na súa simboloxía e na carga negativa que lle tocou, levado ao terreo da malignidade dende a perspectiva cristiá. O dragón está presente en moitas culturas do planeta como a china, as mesoamericanas e por suposto as europeas, en cada unha con diferentes simboloxías. Na europea antes de atribuírselle o significado de maligno, era un emblema de loita, de forza e gardián de lugares sagrados. Na cultura celta é símbolo da deidade dos bosques; o Y Ddraig Goch [o dragón vermello] está representado na bandeira de Gales, sendo un dos símbolos deste país.
En Galicia aparece o dragón en representacións antigas como a Pedra da Serpe de Gondomil en Ponteceso e tamén no folclore tradicional como as Cocas de Redondela. É bo lembrar que por aquí estiveron os Saefes, cuxo símbolo totémico era a serpe, este pobo expulsou aos Oestrimni (que habitaban Galicia anteriormente) e chamáronlle a estes lares Ophiusa, que significa terra de serpes. Quizais isto influíu no forte arraigo destes animais na nosa cultura tanto material como inmaterial.
Así ocorre nun episodio recollido no Códice Calixtino referido á translación dos restos do Apóstolo no que os seus discípulos tiveron que enfrontarse cun dragón que gardaba o Pico Sacro a onde foran enviados mediante engano pola poderosa raíña Lupa. Segundo a lenda, ese sería o derradeiro dragón de Galicia. A figura deste ser mitolóxico co que en certa medida estamos familiarizados, aparece tamén en reconstrucións dun escudo histórico atribuído aos suevos e por suposto en igrexas onde hai anos, na comarca da Ulloa, eu vin un espectacular labrado en pedra que non puiden volver localizar, e que se non fose porque ía acompañado mesmo pensaría que o soñei.