O poeta, músico, editor e novelista Samuel Solleiro trouxo ao galego os poemarios da autora estadounidense «Receitas de inverno desde a comunidade» e «Noite fiel e virtuosa»
09 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Receitas de inverno desde a comunidade, o primeiro libro publicado por Louise Glück (Nova York, 1943) despois de recibir o Premio Nobel de Literatura no ano 2020, chegou ao galego antes que a ningún outro idioma e de forma simultánea ao orixinal, o inglés [Winter recipes from the colective]. Foi hai apenas uns meses e o importante esforzo realizado polo selo compostelán Chan da Pólvora pasou, para moitos, desapercibido. Agora que xa se pode ler en castelán, na colección Visor —en tradución de Andrés Catalán—, que se fixo cos dereitos da produción da autora estadounidense no mercado editorial do español, arrebatándollos a Pre-Textos, cómpre insistir no valor desta preciosa versión na lingua de Rosalía de Castro e que correu ao cargo de Samuel Solleiro (Tui, 1982), poeta, músico, editor, novelista e tradutor, que pouco tempo atrás xa trouxera tamén outra obra capital de Glück, Noite fiel e virtuosa. É que Faithful and virtuous night (2014) é unha peza moi singular no seu catálogo porque dá paso á prosa nos poemas e porque desenvolve «a complexidade das identidades de xénero» ao falar a través dunha muller e dun home. Glück abeira o asunto mitolóxico —primordial en obras anteriores— e xoga cos territorios biográficos para concitar temas universais como o amor, a vellez e, sobre todo, os abismos da morte. Mentres chega o terceiro volume comprometido por Chan da Pólvora, o emblemático e central poemario Averno, o verso de Receitas de inverno desde a comunidade incide —profundando nas buscas de Noite fiel e virtuosa, aínda que non especialmente no ámbito estilístico— dun modo aparentemente sinxelo nas súas reflexións sobre a vida e a morte, desde unha perspectiva de acentuado carácter confesional, aínda que sempre de grande sutileza. Glück apela á memoria e aos recordos da súa nai (e a palabra, o que ela lle dicía), como tamén aos da súa irmá falecida, nunha interacción catalizada pola presenza da natureza e as estacións, do alento do cotián e o fulgor das pequenas cousas. Todo destila paz e sabedoría en Glück, incluso en pasaxes que se inclinan cara o perturbador.