Encabeza a única candidatura que se presentou para presidir a institución
11 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A profesora da Universidade de Santiago e desde o 2018 vicepresidenta primeira do Museo do Pobo Galego, Concha Losada Vázquez (Ourense, 1960), encabeza a única candidatura que se presentou para tomar o testemuño de Justo Beramendi (Madrid, 1941) á fronte da institución que desde 1976 investiga, conserva, divulga e promove a cultura galega. Trátase dunha aposta pola continuidade xa que a maior parte dos integrantes xa formaban parte nos últimos anos do seu consello do goberno. Concha Losada está acompañada por María Xosé Fernández (vicepresidenta), Lino Lema (tesoureiro), Francisco J. Sanjiao (secretario), así como Uxío Breogán e Bieito Pérez como vogais. Estes dous últimos son os únicos que con anterioridade non formaban parte do órgano reitor. Tamén continuarán nas vicepresidencias institucionais representantes da Xunta e do Concello de Santiago.
Será o próximo 28 de maio cando se celebre a asemblea do padroado do Museo do Pobo para votar esta única candidatura que se presentou no prazo aberto ata o 30 de abril. De aí que ata o momento da votación Concha Losada aposte pola cautela. Iso si, explica os motivos que a levaron a ela e ao resto de integrantes do equipo a dar o paso para poñerse á fronte do Museo do Pobo. «Presentámonos porque Justo Beramendi o deixa. Aínda que procuramos que estirase un pouco máis o seu mandato, a súa decisión xa foi definitiva. Deste xeito, fixo falta unha candidatura alternativa e a maior parte xa estabamos no consello de goberno. Entón, coller ese relevo é algo case natural. O Museo impón un respecto infinito, e os que estiveron antes foron moi importantes, pero tamén é certo que isto é unha aposta temporal, que detrás de nós virán outros», afirma a única candidata a presidir a institución, que indicou que a lista foi feita por consenso. Co relevo, a única das persoas que participaron na fundación do Museo do Pobo que se mantén no órgano de goberno é María Xosé Fernández.
Concha Losada coñece ben a institución. Esta doutora en Medicina e profesora titular do departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Facultade de Medicina da USC chegou primeiro como socia, para hai xa máis dunha década iniciar traballos de voluntariado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), que recolle os arquivos audiovisuais e sonoros do patrimonio inmaterial do Museo do Pobo.
Máis tarde integrouse na rectora da institución —agora coa denominación de consello de goberno—. Nos últimos anos, xa levou a cabo funcións tamén de representación da entidade como vicepresidenta primeira, participando na presentación dalgunhas actividades. Unhas tarefas no Museo do Pobo centradas principalmente no APOI de carácter voluntario —«é a miña contribución ao país»—, que compaxina coa docencia.
A asemblea do 28 de maio elixirá a quinta persoa que ostente a presidencia do Padroado. Ata o de agora, foron todos homes: Xaquín Lorenzo (1976-1989), Antonio Fraguas (1989-1999), Isaac Díaz Pardo (2000-2011) e Justo Beramendi, que levaba desde o 2011 e hai meses xa anunciara a súa intención de dar paso en maio a un relevo xeracional. «Agás eu e os vogais, continúan todos. Hai unha continuidade», resaltaba quen foi durante a última década máximo responsable do Padroado, lembrando que foi unha aposta habitual ao longo da historia do Museo do Pobo.