Hai uns días convidáronme a participar en Fisterra nunha homenaxe a Manuel Pazos, máis coñecido como Pazos de Merexo, polo lugar no que vivía no concello de Muxía. Foi dos moi poucos que mantivo vivo o son do singular acordeón diatónico de botóns ata o seu pasamento no 2019. Eu tiven a sorte de coñecelo fugazmente cando os dous colaboramos nun concerto didáctico de Kepa Junkera en Muxía. Na homenaxe tamén se lembrou a Sindo Álvarez, da aldea de Olelas no concello ourensán de Entrimo, fronteiriza con Portugal. Era outro tocador deste mesmo instrumento que alí é coñecido popularmente como concertina. Sindo finou no 2017 pero deixa un clan familiar de tocadores cun estilo que nos lembra con claridade as músicas folclóricas do norte de Portugal. Eles dous foron importantes referentes contemporáneos deste instrumento dende a tradición. Nesa homenaxe viñéronme recordos de como eu cheguei ata este instrumento en 1986 cando por primeira vez fun ao Festival Intercéltico de Lorient na Bretaña. A miña idea era a de mercar unha frauta traveseira de madeira que non fun quen de atopar pese a que visitei un feixe de tendas de música. Nunha desas tendas había exposto un acordeón diatónico Hohner fermosísimo de oferta e que non dubidei en mercar. Ata daquela nunca vira en Galicia un instrumento deste tipo excepto nalgunhas fotos antigas, mais si era habitual velo en bandas de música irlandesa ou bretoa cunha sonoridade que parecía moi interesante. Aínda que nunca cheguei a tocalo con fluidez, con el gravei moitas músicas con grupos como Xacarandaina, Grupo de gaitas do Igaem e maiormente con Luar Na Lubre. Aquel acordeón alemán chegado dende Bretaña foi o primeiro. Posteriormente chegaron dous máis feitos por artesáns italianos das casas Castagnari e Mengascini. Con eles gravei tamén a banda sonora da película Doentes, dirixida por Gustavo Balza, premiada nos Mestre Mateo. Hoxe xa temos en Galicia moi bos instrumentistas deste tipo acordeón e afortunadamente xa está moi incorporado ás nosas músicas. Na lembranza eu alégrome de ter contribuído á súa difusión, sendo quizais o primeiro en empregalo nun grupo de música de folk e o que iso significou de aí en diante.