Cidades no tempo: Galicia destece o tópico rural

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xunta de Galicia

A través dun dos proxectos expositivos máis complexos e ambiciosos dos últimos anos, a Xunta e Afundación reivindican a identidade urbana galega. Son sete exposicións, unha por cada cidade, nas que colaboraron máis de 60 especialistas

01 jun 2022 . Actualizado a las 20:04 h.

Este non é un país moi extenso, pero é infinitamente denso. Xorden ecos daquel Galicia é un mundo enteiro de Risco mentres Manuel Gago, recollendo as palabras de Margarita Ledo, vai cosendo na imaxinación colectiva unha malla densa, interconectada, de vilas e cidades con límites moi difusos. Galicia, como Penélope, desfai no canto de facer como xeito de avanzar. E vai tirando dos fíos do illamento, da ruralidade, do espallamento da poboación. Destecendo aos poucos o seu propio tópico para amosar outra identidade.

Cidades no tempo, o desafío expositivo que durante os vindeiros dous anos percorrerá este país pequeno pero denso, é precisamente iso. Un xeito de tirar das febras do clixé. De comezar a mirar o envés: de como non existiría esta Galicia, e tampouco a Galicia que está por vir, sen as súas sete cidades. Por iso, son sete as exposicións, que, comezando por Santiago este mesmo venres, explorarán o legado urbano galego.

Calquera cousa que sexa, ou vaia ser Galicia, non é nada sen o seu ámbito urbano. As palabras de Antón Baamonde serven como resumo da filosofía dun proxecto profundamente colectivo e interconectado. Máis de 60 especialistas teñen colaborado nunha urda que vai moito máis alá dunha evolución urbanística. Porque se algo é unha cidade, é un estado de ánimo.

Robert E. Park puña en palabras un sentimento común que describía Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación: cando alguén volve á cidade da que emigrou, sempre quere atopar o que deixou. Porén, sempre atopa algo distinto do que se quere recuperar. 

«A marabilla das cidades é que nunca foron, sempre están sendo», remarcaba Manuel Gago, comisario dun proxecto no que unha malla de pensamento colectivo composta por un comité científico xeral e outros sete locais, foi quen de crear un itinerario pola cidade como espazo habitado, vivido, construído e reconstruído. Sete Penélopes desfacéndose e desfacéndose unha e outra vez. 

Un percorrido emocional e cultural pola febra urbana, fundamental na construción da cultura galega, guiado a través de modelos tridimensionais, obxectos históricos, planos, deseños, proxectos, fotografías, material audiovisual e obras de arte. Todo, para ganduxar sete narrativas nunha soa: «Non hai unha cidade galega que conte unha historia igual á outra. Cada unha delas é recoñecible, é un ingrediente distinto desa receita que é Galicia», remarcaba o comisario do proxecto.

«Se pechamos os ollos temos unha serie de imaxes moi concretas de cada unha das cidades»: a forza industrial de Vigo, Compostela como sede de poder, cultura e estética, ou a longuísima crónica histórica que se vén escribindo en Lugo. Iso, explicaba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, é o que vén amosar Cidades no tempo. Un proxecto global dende o local que funciona como unha gramática, como unha cartografía dos símbolos que fixan a identidade de cada unha das sete cidades e con elas, dun feito urbano que é «parte indisociable da identidade de Galicia».