O Cunqueiro pintor

CULTURA

04 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tense falado moi pouco do interese de Álvaro Cunqueiro pola pintura, e se cadra é esta unha eiva lamentable nas sucesivas achegas á súa vida e á súa obra. Porque o escritor de Mondoñedo non perdeu nunca de ollo, xa desde antes da Guerra Civil, o que se facía en Galicia, en España e noutros países, sobre todo en Francia. Por outra banda, é inocultable a súa amizade co pintor Manuel Colmeiro e o entusiasmo que amosaba pola súa obra, sobre todo pola que convertía cada paisaxe nun estado de ánimo, é dicir, nun sentimento. Porque Colmeiro entendía a paisaxe coma unha realidade de convivencia en estado de vixilia, de fascinación ou de algo moi parecido.

Pero o chamativo quizais foi que, pola senda desta amizade, o escritor Álvaro Cunqueiro tamén pintou algunhas obras, non se sabe ben cantas. Hai quen fala de media ducia. Pero eu só puiden ver unha, que seica se reproduciu nun dos libros de Francisco Fernández del Riego sobre a cultura galega. Alí vese un cadro inxenuista de Cunqueiro que parece moi influído polos debuxos surrealistas de Federico García Lorca, como ben me alertaron o gran experto e crítico de arte Antón Castro e o pintor Antón Lamazares.

O certo é que na literatura de Cunqueiro hai moitas descricións que se poderían considerar pictóricas, pola definida expresión de detalles e contornas. Hai nela coma unha visualización afinada que se traduce en moitas representacións ó longo das súas obras. Son imaxes que saltan á vista, coas súas formas e as súas cores, descritas coa precisión dun alquimista algo meigo ou feiticeiro. Atinan, pois, os que falan da maxia de Cunqueiro. Maxia literaria que, quizais pola curiosidade do autor, se converteu algunhas veces na pintura tamén máxica dun explorador ousado en campos alleos.

Non son eu o máis cualificado para seguir con esta reflexión, sobre todo sen ter diante máis ca imaxe dun cadro do mindoniense. Pero si que convido ós expertos en pintura a estudar esta vertente do xenial escritor. Porque se cadra hai moita máis pintura da que sospeitamos nas súas obras. Pintura por escrito, pintura descritiva, pintura poética, expresión polimorfa dunha realidade… Ultramundos dun Cunqueiro sempre prodixioso.