Rosario Álvarez: «Hai que pensar a cultura como país, como unidade, como dereito de todos»

CULTURA

A presidenta electa do Consello da Cultura cre que «moita da internacionalización necesaria da culura galega ter que estar na parte dixital»
04 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) vén de ser reelixida de novo presidenta do Consello da Cultura Galega no que será o seu derradeiro mandato. A súa reelección é parte dun proceso renovador que comezou en xaneiro e que se prolongará ata xullo coa toma de posesión da nova executiva.
—O Consello da Cultura está a pique de facer corenta anos.
—Esta celebración debería servir para abrir unha nova etapa que xa é de madurez plena. Creouse unha institución que non tiña modelos. Había que facer moita cousa que se facía por primeira vez. Foi sen problemas, sen traumas pero levou o seu tempo. Agora xa somos. Agora imos pensar nun patamal diferente. Creo que ese patamal diferente en que ten que xogar o Consello os próximos 40 anos é o que hai que pensar. Este ano unha das liñas temáticas era a forxa da autonomía. Queriamos colocarnos nas últimas décadas do franquismo, cando se vai fraguando unha situación sobre todo política e social que explica que logo a autonomía se producise dunha certa maneira e non de calquera maneira.
—Pero a Galicia actual xa pouco se parece á daquel momento.
—Claro, claro. Igual que estamos pasando revista a como daquela se concibiron unhas políticas e estruturas culturais e que vixencia ten iso hoxe, o mesmo temos que facer coa nosa propia actividade. Queriamos deseñar unha estratexia para un Consello da Cultura Galega que superou con bastante éxito as súas fases de formación e crecemento para ser unha institución madura con todas as consecuencias, que polo tanto ten que proxectarse de certa maneira, que non ten por que ser rompedora co pasado pero que ten que pensar no futuro.
—Noutra Galicia?
—Tamén a cultura é distinta de como era. Ao Consello hai que recoñecerlle que, como mínimo dende a época de Carlos Casares, fixo un gran esforzo por prever e por anticiparse a eses cambios que están producíndose. Se miras a antigüidade que ten a nosa páxina web, o innovadora que foi no seu momento, ves que realmente en Galicia poucos poden exhibir algo semellante. Iso a nós danos tamén unha fortaleza grande e déunolo no tempo da pandemia. Hai catro anos falaba deste impulso da vía dixital en distintas liñas e de súpeto o que tiñamos pensado desenvolver paulatinamente tiña que ser dun día para outro. Esa web neste momento é moito máis, entre outras cousas porque nós pasamos a deseñar parte da nosa actividade xa como nativa dixital. A diversificación de actividades que fomos tendo grazas a iso creo que é bastante notable, pero claro, aínda así incipiente. Hai que camiñar por ese lado. E moita da internacionalización que necesita a cultura galega vai ter que estar fundamentalmente na parte dixital.
—Esta estratexia dixital serve para chegar a públicos novos?
—A novos públicos, que non son sempre públicos novos. Cada vez temos máis horizonte vital pero prográmase moi pouco para as xeracións máis vellas. Están descolgados os máis novos pero logo hai outro grupo, e se miramos para a pirámide de poboación galega é inmenso, para o que xa non se programa. Hai que chegar a todos. Son públicos diferentes por idade e haberá que pensar que tipo de produtos valen para todos e cales non. O dereito á cultura é un dereito de todos. Non digo que haxa que ter un palacio da ópera nunha aldea de Sarreaus, pero hai que facilitar o acceso á cultura a todo o mundo.
—Hai unha discriminación cultural por hábitat?
—Creo que non digo nada de máis se digo que Galicia non pode seguir afondando a fenda entre o eixo atlántico e o resto de Galicia. Hai que pensar a cultura como país, como unidade, como un dereito de todos. A cultura en Galicia é relativamente barata, pero o feito é que a situación económica non debe ser un factor que prive de cultura. E refírome non só ao desfrute da cultura, senón á propia creación cultural.
—Facía referencia antes a que a cultura tamén ten cambiado nestes corenta anos.
—Ao galegos isto parécenos tan obvio que ás veces nos esquecemos de dicilo, pero a cultura galega sempre foi moderna. Sempre houbo un impulso de modernidade, antes de europeísmo e agora de máis alá. Sempre houbo un impulso de estar ao día e de estar conectada con outras culturas que se estaban facendo no mundo sen por iso deixar de ter os seus propios sinais de identidade. E agora pasa exactamente o mesmo. Se miramos para a literatura, para a música, para a danza, para a pintura, non é unha cultura que estea ancorada no pasado. Hai moito talento, moita creatividade, moita innovación. Eses son os nosos sinais de identidade e non deixamos de ser cultura galega por iso, ao contrario. Temos unha fortaleza da continuidade, de que non houbo unha ruptura e de que hai xeracións que se incorporan con niveis de formación impresionantes.
—E dentro de corenta anos?
—Pois en 40 anos aparte de espléndida non se me ocorren máis cousas [ri]. Si, vou dicir algo máis: que os que crean cultura poidan vivir realmente de que son creadores dun ben indispensable para que unha sociedade sexa como ten que ser.
«Eu son de equipo, non o concibo doutra maneira»
Durante os últimos anos tamén comezou un proxecto de renovación que permite entrar a unha nova Galicia na institución.
—Fomos ampliando bastante a base. Nas seccións, en conxunto, hai unha poboación relativamente nova. Non novísima, pero relativamente nova. As seccións son case a columna vertebral, pero é que logo están os arquivos, neste momento son catro e logo temos un número cambiante de comisións técnicas. A comisión técnica foi a que máis utilizamos para a ampliar a base do Consello, porque fomos dándolle esa forma a equipos de traballo que fomos creando con perspectivas concretas que ou eran transversais ou non estaban moi claramente dentro dunha sección ou dun arquivo ou ás que decidiamos dar unha perspectiva diferente contando sobre todo con organizacións e grupos que estaban fóra do Consello. Ese tipo de comisións permítennos contar con xente nova que está innovando moitísimo.
—Permiten ser máis flexibles e reaccionar ao que está fervendo na sociedade nese momento.
—Efectivamente. Dáslle o paraugas, a infraestrutura e o altofalante do Consello da Cultura e eles están facendo un traballo que nós teriamos moita dificultade para facer.
—Pode isto ligarse ao concepto de dirección non presidencialista?
—Non o sei facer doutra maneira. [Ri]. Xa pertenzo ao momento do cambio. Eu son de equipo. Eu non o sei concibir doutra maneira. A min gústame poder compartir, pensar en voz alta con outras persoas, esa colaboración na que dende perspectivas moi diferentes todo o mundo ten algo que achegar.
—Tamén medrou o labor asesor.
—Somos o máximo órgano asesor en materia de cultura e estamos continuamente emitindo informes. Non son vinculantes, pero notamos que se len e que ás veces hai aspectos que non lle vemos un efecto inmediato pero pasado un certo tempo se incorporan ao discurso. Estivemos máis dun ano facendo un informe sobre os parques eólicos e fixémolo porque comezamos a recibir un auténtico aluvión de peticións de moitos concellos, de todas as cores, de asociacións de montes, ecoloxistas. Non podiamos contestar un a un, entón decidimos facer un informe global, amplo. Neste patamal novo queremos que a sociedade galega saiba que o consello ten esa misión.
—Outro dos cambios foi unha firme aposta por descentralizar a actividade. De facerse presente en toda Galicia.
—Para nós é un esforzo grande, pero temos a firme convicción de que hai que facelo. Esforzámonos non só en ir aos sitios, senón en forzar que outros vaian a eses sitios. Por exemplo, na exposición sobre Afonso X, que está feita para itinerar, renunciamos dende o primeiro momento a levar pezas. Presentámolas, pero coa pretensión de que alí houbese a noticia de que as hai e onde están para que os visitantes soubesen que teñen que ir a Allariz, que teñen que ir a Esgos, que teñen que ir a Pontevedra, Vimianzo, Ortigueira... Como se toda Galicia fose un escenario no que están colocadas todas as pezas in situ e por exemplo o que quere ver a Virxe abrideira debe ir a Allariz.
