Do poeta Gómez Alfaro

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

10 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Carlos Gómez Alfaro foi unha das mellores voces poéticas na Galicia do seu tempo (1949-2008). Moi poucos poetas galegos construíron os seus textos, nomeadamente os sonetos, co deleite formal e a riqueza léxica deste escritor que naceu nunha aldea do Ribeiro de Miño (As Chavolas) e faleceu na Guarda, onde exercera de profesor de Humanidades durante anos. Cantou, nos seus poemas, ao mar e ás xentes da Guarda, e antes, á paisaxe e aos viñedos do Ribeiro. Cantor, pois, conmovido sempre, de dúas matrias: a do Ribeiro, a da súa infancia e mocidade, e a da Guarda, a da súa vida adulta. No Ribeiro, el e Rosa Berta perderon o seu primeiro fillo, Carlos, de oito anos, moi presente en moitas páxinas do noso escritor, un conmovedor poeta elexíaco.

Gómez Alfaro, malia ser gabado por importantes críticos (Román Raña, Ramón Nicolás, Fernán Vello...), nunca foi un escritor moi publicitado, moi promocionado. Pero

agora, na Guarda (concello do que é fillo adoptivo desde 2018), existe un certame literario de relatos curtos para escolares de ensino primario que leva o seu ilustre nome.

Organízao Orpagu (Organización de Palangreiros da Guarda), razón pola cal o tema da última edición era a vida do mar e dos mariñeiros. Lin con moito agrado os dous textos premiados, O soño de Max (de Marea Amoedo) e O mariñeiro da ponte (de Nerea Pino). Asistín o sábado, día 4, como mantedor, ao acto de entrega deste galardón e percibín, entre as xentes adultas guardesas, o respecto e o agarimo que suscita o nome do poeta —e do profesor e cidadán— Xosé Gómez Alfaro. Teño a esperanza de que o Consistorio de Ribadavia e as xentes da comarca recoñezan no poeta Gómez Alfaro a un fillo ilustre do Ribeiro de Miño, ao seu mellor poeta.

Ribadavia honraríase nomeando fillo predilecto a un escritor da valía de Gómez Alfaro, poeta que, partindo do falar comarcal, elaborou un galego literario inesquecible. Unha antoloxía dos seus mellores poemas ribeiraus debería ocupar un lugar especial no fardel de lecturas dos escolares dos dous Ribeiros. Constituiría un devocionario de amor á matria, á lingua e á poesía.