Poesía sen poetas

Xesús Fraga
Xesús Fraga ESPECIAL LA VOZ

CULTURA

O poeta ruso Vladímir Maiakovski, retratado como estudante en torno a 1910, inspira a acción colectiva que dá forma a «Intimidación» (Xerais).
O poeta ruso Vladímir Maiakovski, retratado como estudante en torno a 1910, inspira a acción colectiva que dá forma a «Intimidación» (Xerais).

O Colectivo Maiakovski publicou «Intimidación», onde cuestionan «ao poeta como epítome do individual». Os autores tras a marca danse este sábado a coñecer na Casa de Rosalía

18 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Intimidación (Xerais) é o título do libro asinado baixo o nome de Colectivo Maiakovski por un número indeterminado de poetas que manteñen o anonimato porque se opoñen «ao poeta como epítome do individual» e ven no colectivo a esencia deste proxecto. «Renunciamos á autoría individual por un convencemento ético, tamén político, e decidimos mesturar as nosas sensibilidades, as nosas voces, nun só canto», explica un dos membros a este xornal.

Intimidación tamén pode ser definido, nas súas palabras, como un «artefacto de arte contemporánea» —conta cun vídeo-poema para ser lido a través dun código QR—, xa que o seu fermento «provén daquel espírito rompedor e do novidoso de explorar camiños descoñecidos» que remite ás vangardas do século XX e das que Maiakovski é a súa figura máis icónica. «Tamén porque foi un activista político, que concibiu a poesía como unha maneira de axitar a realidade», engade. O colectivo sente polo ruso unha afinidade estética pero tamén hai unha implicación política, cunha proposta dun texto «absolutamente belixerante cunha realidade concibida e manipulada dende a linguaxe».

Como foi, entón, o proceso de escrita de Intimidación? «Baseouse na idea de elaborar un texto poético a través de diversas intervencións, de maneira que as voces individuais de cada un dos membros se fose solapando coas outras ata acadar unha voz final, matizada coas características de todas, pero convertida nunha voz única. Existiu unha primeira aportación. Esa primeira aportación foi modificada e ampliada na segunda intervención. Logo a terceira. A cuarta… Así sucesivamente ata pechar as dez intervencións dos dez membros do colectivo. Despois houbo outra rolda. Finalmente puíuse o texto de maneira puntual dándolle pequenas pinceladas. Pequenos matices de unicidade».

A autoría individual é outro concepto que cuestiona este libro. «O texto creado xa non pertence a ninguén en particular. A ningún dos fragmentos que conforman o poema-libro se lle pode asignar unha autoría definida. Esa é a gran aposta: prescindir do poeta como tal, do poeta como fonte única do discurso». En certa medida, recoñece o participante no colectivo, hai unha asunción dos célebres versos de Bécquer: «Podrá no haber poetas, pero habrá poesía». «Poesía sen máis. Sen nomes adscritos a tal ou cal corrente. A unha determinada ética ou a unha determinada ideoloxía. Canto máis limpo de referencias vaia o texto elaborado, máis profundamente o poderá asumir como propio a lectora e o lector porque as claves de lectura non estarán contaminadas e terá que afrontalo como unha identidade propia en si mesma, carente de referentes explícitos».

O libro pon no albo tamén outro mal colectivo, as consecuencias da intimidación. Nace dunha reflexión, o do uso do medo por parte do poder para controlar ás sociedades e a resposta que se lle daba ás necesidades de cambio: a revolución. «Agora non sabemos quen ou que é o poder. Semella unha entelequia. Unha superestrutura fóra do noso alcance. Non podemos organizarnos porque o poder está oculto, pero sobre todo, porque xa non exerce contra nós o medo; senón a intimidación. Un xeito moito máis sutil, menos agresivo, e moito máis eficaz de controlarnos», argumentan dende o colectivo Maiakovski.

Logo de Intimidación, queda unha pregunta no aire: haberá novos libros do colectivo? «O Colectivo Maiakovski é un organismo vivo, profundamente ácrata, e polo tanto, imprevisible. Se cadra si, se cadra non! Chi lo sa?».

Os autores tras a marca Colectivo Maiakovski danse este sábado a coñecer nun encontro poético na Casa Rosalía de Castro que se celebra ás 12.30 horas. O secreto da súa identidade será ao fin revelado cunha presentación que inclúe recital e performance e que contará coa presenza da crítica Inmaculada Otero Varela e os integrantes da fronte poética.