Morre aos 92 anos Basilio Losada, académico de honra da RAG

la voz REDACCIÓN

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

O catedrático foi un grande estudoso e divulgador da literatura galega, portuguesa e brasileira

09 jul 2022 . Actualizado a las 23:49 h.

«Basilio Losada foi o mestre que nos aprendeu a pensar con liberdade e risco». Con estas palabras anunciaban os seus amigos e parentes o pasamento do recoñecido crítico literario e tradutor, que foi un grande estudoso e divulgador da literatura galega, portuguesa e brasileira. Losada (Láncara, 1930) faleceu este sábado en Barcelona, onde estaba afincado desde hai varias décadas.

Histórico catedrático da Universidade de Barcelona, embaixador da cultura galega, experto na obra de Rosalía e narrador extraordinario, aos seus 90 anos aínda dicía que lembraba Galicia cada día. Basilio Losada foi catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Barcelona dende 1986 e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa. Foi autor de numerosos estudos críticos sobre literatura galega, portuguesa e brasileira; e traduciu a sete idiomas 150 libros de autores como Jorge Amado, Saramago, Rosalía de Castro, Pere Gimferrer... En 1991 recibiu o Premio Nacional de Tradución por Historia do cerco de Lisboa, de José Saramago.

No ano 2015 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega nun acto emotivo con alusións retranqueiras nas que Losada se moveu no seu máxico mundo da fabulación: «Lamento só o feito de que aos meus 80 anos pouco podo facer xa no futuro para corresponder a este honor... Non, son 85 anos... Parece que tardaron tres anos en anotarme no rexistro, así que serían 88».