De Xian Sorel ao vermello e o negro

Francisco Fernández del Riego

CULTURA

Oscar Vázquez

Este foi o derradeiro artigo que Francisco Fernández del Riego publicou no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia

11 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O gran novelista admiraba fondamente a Shakespeare, e coincidía co solitario de Croisset en ponderar, sobre tódalas súas virtudes, a de desaparecer da propia obra. A de non inxerir nela, por paixón tiránica, sentimentos ou xeitos de dexergar do escritor, capaces de influír nos do personaxe. O espello non ten de ser deformante por ningunha falla, nin do cristal, nin do azougue. Só así presentará a preciosa materia do que se dá en todos, limpa da ganga do de cada quen. Stendhal procuraba as causas exactas das reaccións dos personaxes, e amosaba a estes obrando en estrita veracidade. Abritaba, en orixinal calidoscopio, as imaxes recollidas no seu camiño. Transfigurábaas sen apenas demudalas. Por fonda vocación este «archinarrador diante do Altísimo» —segundo frase de Ortega— viviu preso do espello que levaba canda si, legándonos, grazas a un teimudo labor, o ricaz tesouro das imaxes que copiou. Os personaxes, tirados da realidade, teñen un feitío moi de seu. Xulián Sorel representaba na historia universal da cultura ó xoven que, dende a moitedume onde naceu, quere ascender a un cume craro de individualidade. A un cume isolado onde o seu perfil se enteste e e afirme. Sorel é símbolo do mozo que, da pobreza anónima, quere rubir a unha espiritual riqueza senlleira. Trátase dun gran cobizoso, apreixado na turba, sen outros recursos para chegar a ser ceibe que a súa teimosía e a súa intelixencia. Dende a situación social máis humildosa tenciona chegar á máis outa. Non para satisfacer vaidades miúdas, senón para construír alí, segundo lle pete, o seu fachendoso niño de aguia. Sabía Xulián Sorel que a pobreza é moito máis temible pola súa promiscuidade que polo resto das súas calamidades. Non cobizou o diñeiro, senón o achádego de si mesmo. O amor esvarou por el. Tampouco sente anceio material algún. Soio o queimaba este desexo: pasar de plebeo incógnito a nobre coñecido con ese xeito de nobreza que os novos tempos tiñan encetado no mundo. Hai que ler O roxo e o negro, e tamén Armancia. Octavio de Malibert, o heroe desta novela, sofre temeramente de incapacidade de ser heroe. I Stendhal cúrase dista doenza escribindo O roxo e o negro, onde o heroe sofre mesmamente de todo o contrario. Armancia é unha das catro grandes novelas stendhaliás, cronoloxicamente a primeira, e quizais a máis patética. O libro subtitúlase Algunhas escenas dun salón de París no 1827. Pero sobre a descrición de todas elas esténdese a sombra dramática do heroe, consignado ao suicidio dende as primeiras. En Stendhal é a narración —espello ó longo do camiño—, son os personaxes, pero é tamén o estilo. A prosa do novelista é, nefeito, unha prosa inconfundible, sempre, modelo vivo e actual para os inimigos da retórica. Enxoita e concisa como a do código que Stendhal lía pola mañá, denantes de escribir, para alcontrar o ton. Hai nela unha precisión escrupulosa, a miúdo descolorida nos epítetos, pola mesma teima á retórica. Pero é sempre clara e lizgaira, compoñendo un estilo literario sutil e cheo de feitizo. Na historia da novelística contemporánea, Stendhal é unha figura singular cuia obra constitúe unha permanente lección que non se debe esquecer, e que hai que repasar cada día.