Anthony Quinn foi un gran actor de cine, recoñecido en todo o mundo e considerado un cidadán estadounidense por case todos. Mais, de certo, este gran actor naceu en Chihuahua (México) o 21 de abril de 1915, en plena revolución política e social dos caudillos Emiliano Zapata e Pancho Villa. Saíu ben librado porque, á fin, o seu pai, Francisco Quinn, de orixe irlandés, e a súa nai, Manuela Oaxaca, lograron pasar a California e comezar alí unha nova vida. Tan nova que o actor acabaría por recibir numerosos galardóns no mundo do cine, entre eles dous Óscar, un pola súa actuación en ¡Viva Zapata! (1952) e outro pola interpretación do papel de Paul Gauguin en O tolo do pelo vermello (1956), a gran película sobre o pintor Van Gogh.
Coñecino en Madrid en 1999 cando veu protagonizar a película titulada Camiño de Santiago (1999), na que eu tiven un escuro papel de asesor que, ó cabo, desapareceu ó converterse o filme previsto —sobre un guión de Arturo Pérez-Reverte— nunha serie televisiva de tres capítulos. Estiven con el e co seu fillo Lorenzo moitas horas, pero aquí só podo amosar a lembranza que me quedou del, sobre todo en Madrid, cando non paraba de preguntar por ese singular Camiño das Estrelas no que viña actuar. Un día, preto de Roncesvalles, sorprendeume ó afirmar que xa estaba comezando a crer. Iamos facendo o Camiño nunha limusina, e o que el descubría arredor conmovíao moito, sobre todo cando pasabamos a carón dalgún grupo de esforzados peregrinos a pé.
Xa en Santiago, a admiración de Anthony Quinn acadou o seu cumio. Alí acababa de chegar tamén o gran actor Charlton Heston, que non tivo experiencias comparables ás de Quinn, pero que tamén se conmoveu pola historia á que viña dar un protagonismo final. Quinn non resistiu a tentación de querer transmitirlle todo o que vira e sentira no Camiño, pero Heston non estaba para deixarse engaiolar e liquidou tan axiña como puido o seu papel. Mentres, un fascinado Quinn seguía a falar do milagre do Camiño e do que disfrutara vendo tanta marabilla. E de súpeto dixo que el ía volver para percorrer aquel Camiño das Estrelas. Pero non foi así, quizais porque xa tiña unha idade avanzada. De feito, morreu dous anos despois.