A Lei estatal do Audiovisual discrimina as producións en galego

Gala Dacosta Diehl
gala dacosta REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Serie «O Sabor das Margaridas»
Serie «O Sabor das Margaridas» TVG

Distintos sectores protestan contra unha normativa que desoe aos galegos

25 jul 2022 . Actualizado a las 11:42 h.

O pasado 9 de xullo o Congreso dos Deputados daba luz verde á nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Trátase dun texto polémico polo que a Unión Europea chegou a denunciar a España ante o Tribunal de Xustiza de Luxemburgo (TSUE) polo retraso na súa aprobación. Tras a súa entrada en vixencia haberá tres meses de marxe para que as plataformas se adapten á normativa.

Entre outros puntos, a lei establece novas cotas de produción feminina nos medios audiovisuais, promove a presenza de mulleres en cargos de relevancia e propón axudas adicionais ao subtitulado e dobraxe por parte das Comunidades Autónomas con linguas cooficiais.

Precisamente este punto é un dos máis conflitivos da nova lei, e grupos parlamentarios como o Bloque (BNG) xa artellaron enmendas legais igual que fixeron partidos como Esquerra Republicana (ERC). O principal problema é o 6 % de linguas cooficiais estipulado para as plataformas, que en ningún momento se concreta máis nin se chega a falar de porcentaxes claras de catalán, galego nin euskera.

Segundo a responsable de lingua e normalización da formación nacionalista, Mercedes Queixas, «A sensación é a dunha oportunidade perdida por parte dun goberno que se declara progresista. Non entendemos como un goberno de Podemos e do Partido Socialista vota en contra de enmendas que blindan os dereitos lingüísticos». Afirma que foi un proceso longo: «Comezamos en febreiro con moitas reunións con distintas entidades e aínda non concluíron». Pon exemplos de éxitos recentes de produción audiovisual propia, como O sabor das margaridas ou Augaseca, que acadaron dimensión internacional.

Para Queixas é fundamental reforzar o uso do galego na programación que consomen os nenos e nenas, tanto nas canles públicas como nas plataformas dixitais. Pon como exemplo a iniciativa Xabarín, unha proposta impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística que foi avalada por máis de 30.000 sinaturas. Pedía a creación dunha canle infantil e xuvenil que emitise contidos na lingua da Comunidade as 24 horas do día. A proposta aprobouse no Parlamento Galego por unanimidade.

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), explica que a maior preocupación para o sector audiovisual galego é a definición de produtor independente. En Galicia, a maior parte das produtoras son de pequeno ou mediano tamaño, pero dende a Agadic traballan cun amplo abano de empresas.

«Aínda hai que ver como afecta este novo regulamento á evolución do noso ecosistema audiovisual, pero vai ter importantes implicacións no futuro e as leis hai que debatilas e consensualas. Dende o sector queremos insistir na falta de diálogo e consenso», explica Sutil. O responsable principal da asociación das empresas culturais traslada o descontento xeral coa nova lei e sostén que «hai que protexer as linguas cooficiais, pero haino que facer ben». Aos distintos sectores culturais preocúpalles moito a saúde do galego, que Sutil asegura que no audiovisual está mellor ca nunca, e dá unha cifra: «aproximadamente o 80 % das axudas que promovemos para a produción audiovisual son para producións en lingua orixinal galega. Creo que as leis nacionais deberían reforzar iso tamén». Non só o idioma, senón as produtoras independentes están en risco ante a concentración dos grandes medios.

Explica que é preciso asegurar uns mínimos de galego e que non é suficiente co texto actual que garante a presenza das linguas cooficiais sen especificar as porcentaxes de cada unha. Deste xeito, argumenta Sutil, contribúese a xerar máis asimetrías entre os idiomas.

 

A muller no audiovisual, materia pendente

Igual ca no caso das linguas cooficiais, a nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual presentouse como unha oportunidade para loitar contra a desigualdade de xénero nas plataformas, no cinema e na programación televisiva. Malia isto, diversas organizacións e partidos políticos protestaron case de forma unánime contra unha normativa decepcionante e que consideran insuficientes para alcanzar a equidade.

O texto resulta pouco claro e ambiguo en apartados fundamentais que requiren concreción, como na linguaxe non sexista. Ademais, só se establece un mínimo do 30 % para financiar producións independentes creadas ou dirixidas por mulleres; a diversidade de xénero queda apenas nunha serie de recomendacións e só se estipula como unha «infracción moi grave» a emisión de contidos que promovan a denigración ou a violencia contra a muller, sexa de carácter sexual ou doutro tipo. A penalización é dun millón de euros, cifra máis que baixa para producións que poden chegar a ser milmillonarias. Aínda que o goberno central propón unha serie de axudas destinadas a aqueles produtos audiovisuais con mulleres na dirección e na produción, a Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA), á que pertencen figuras relevantes do audiovisual galego como Chelo Loureiro ou Chis Oliveira, leva meses amosando a súa decepción ante a falta de vontade real por parte dos políticos.

A organización denuncia que non se atenderon ás enmendas presentadas por CIMA hai xa meses para os artigos 113, 114, 116 e 117, e que a igualdade real non é posible alcanzala fixando cotas tan baixas. Dende a asociación feminista esixiron fixar o 50 % da produción, pero esta proposta foi ignorada e só algunhas suxestións se incorporaron ao texto.

Mentres España espera a ver como se aplica a lei nos vindeiros meses, cabe mencionar que outros países da Unión Europea contan cun órgano audiovisual que regula este tipo de cuestións.