Unha investigación de Sabela Pillado desmonta tópicos sobre o Grupo Nós
28 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Dise de Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) que trouxo a modernidade á poesía galega, que foi o «Poeta da Raza» e que dedicou a súa vida e obra a vindicar o nacionalismo galego.
Xeralmente circunscrito á crítica social, a defensa da autonomía galega e a produción de pezas poéticas e teatrais, estudou no Seminario de San Martiño Pinario, que abandonaría para volver á súa vila natal a traballar no concello de Cambados e máis tarde emigrou a Cuba. Foi alí, na illa, onde comezou a súa carreira literaria e escribiu entre outros títulos a obra ultracoñecida do nacionalismo galego, Da terra asoballada.
Grazas a unha recente investigación, o mito do escritor cambadés limitado unicamente á súa faceta como autor galeguista desmóntase. Cabanillas foi unha das figuras máis importantes da literatura galega do século pasado e cultivou disciplinas varias, dende a escrita de dramaturxia ata a tradución de textos.
Sabela Pillado, crítica de cine e doutora en comunicación audiovisual, descubriu durante a súa investigación sobre os cinemas do Salnés que Ramón Cabanillas emprendeu, xunto con outros, a primeira sala de cine de Cambados. Este feito, previo a se iniciar como escritor desde o outro lado do Atlántico, demostra as distintas inquedanzas que tiña o escritor da revista Nós.
Durante a xornada de onte, Pillado presentou con éxito sobresaínte a tese «Historia do cine do Salnés. Exhibición cinematográfica en Cambados e outras vilas», un achegamento á comarca do Salnés e ás súas salas. Trátase dun estudo de ámbito local, que a doutorada abordou dende un punto de vista sociolóxico.
Para a tese, Pillado elaborou un extenso traballo de campo buscando a orixe de ditos cinemas a través dos empresarios que os fixeron posibles. Por estas alturas da investigación, deu cun protocolo notarial coa constitución da Sociedade Cambados, responsable de crear a primeira sala de cine estable da vila, o Salón Novedades, que abriu en 1909. Entre os seus fundadores estaba Ramón Cabanillas.
Esta experiencia previa á emigración do autor de Vento mareiro e Da noite estrelecida amosa que dende moi cedo tivo interese polas novas formas de comunicar, como é o caso do cinema, tanto que o levou a se implicar empresarialmente no proxecto da Sociedade Cambados.
Esta descuberta da doutorada pola Universidade de Santiago (USC) permite descartar dunha vez por todas o repetido e incerto tópico de que os membros do Grupo Nós, ao que era próximo Cabanillas, non tiñan interese no cinema. Ben é certo que cando Cabanillas marcha de Galicia cara a Habana deixa de aparecer nos rexistros desta sala de exhibicións, o que parece indicar que se aparta desta faceta definitivamente. Trátase dunha consecuencia lóxica da distancia, pero non indica necesariamente que o interese desaparecera. Aínda así, sempre participou de iniciativas emprendedoras que supuxeron avances para a lingua e a cultura galega, e os documentos atopados por Pillado sitúan a Ramón Cabanillas como un pioneiro na inclusión do cinema como unha forma de ocio na nosa Comunidade.
É moi posible que esa primeira incursión nun proxecto fundacional lle servise de precedente para máis adiante crear a revista Nós xunto con Castelao, Cuevillas, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Luís Pimentel.