A imaxe física do escritor lugués Celestino Fernández de la Vega (1914-1986) ten, desde o 1 de xuño do presente ano, unha presenza rechamante dentro e fóra de España: o seu retrato figura nun selo de tiraxe moi elevada co valor postal de 1,75 euros na serie Literatura, que editou, días antes, o retrato de Benito Pérez Galdós. Sería bo que esta presenza gráfica animase a algúns miles de letraferidos hispanos a interesárense pola obra literaria deste pensador e ensaísta, non só por O segredo do humor (1963), do que hai tradución castelá de 1967 (Buenos Aires); tamén cómpre visitar os seus traballos sobre a saudade, a paisaxe, Heidegger, Valle-Inclán, o pintor Braque, Luís Pimentel, Rof Carballo..., en boa parte recolleitos por Galaxia no volume Ensaios a proba do tempo (2009).
Aínda así, hai outras parcelas do labor literario que é de xustiza salientar. Namorado de Lugo, a súa cidade desde os once anos, escribiu sobre ela —tamén na Gran Enciclopedia Gallega— páxinas eruditas impregnadas sempre de emoción e da sensibilidade de quen foi o paseante máis consciente e máis pedagogo das súas rúas e prazas, sen excluír a celebérrima muralla romana, itinerario que se beneficiou das súas conversas e explicacións, fose con Américo Castro, con García-Sabell ou con anónimos circunvalantes.
Non sei de ninguén que necesitase da tertulia, no café da tarde e da noite, como Celestino, prodixioso cultivador deste xénero oral. Hai máis fóra dos xéneros non canónicos: o epistolar. O día no que alguén exhume o epistolario Ramón Piñeiro / Celestino Fernández de la Vega será un día histórico nos anais da epistolografía galega. Conversando con Piñeiro, no Lugo de 1949, naceu un libro fermoso e insólito, o Cancioneiro da poesía céltiga (1952), escolma de poesía en linguas célticas preparada, con versión alemá, polo filólogo suízo Julius Pokorny. Quen puxo o alemán foi Celestino, menos douto en galego que Piñeiro, que está a crear os criterios do galego literario da posguerra. Cando, en 1956, traducen Da esencia da verdade de Martin Heidegger, farán o mesmo: Celestino pon o alemán e Piñeiro, o galego.