«Aceituneros altivos»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

02 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Éo segundo verso de Aceituneros, o poema de Miguel Hernández (1910-1942) que se canta hoxe como himno da provincia de Jaén coa música de Paco Ibáñez: «Andaluces de Jaén, / aceituneros altivos, / pregunta mi alma ¿de quién, / de quién son estos olivos?». Son versos que suxiren unha reforma agraria, escritos por quen estaba comprometido moi a fondo con esa e outras reformas: a educativa, a social... Nado nas estreiteces, e ben consciente desas orixes, loitou, coas armas da palabra, nomeadamente nos anos da Guerra Civil. Pero foi algo máis, moito máis, que unha musa cívica posta ao servizo dos mellores ideais da II República.

Dispomos agora dun ensaio modélico de Luis García Montero, El viento de la vida y Miguel Hernández, publicado como limiar dunha Brevísima antología poética, da que é responsable Marcelino Sánchez Ruiz. Editouna a Deputación de Jaén, institución que, no 2012, adquiriu o fermoso e rico legado do poeta de Orihuela, ao parecer non ben entendido polas institucións da súa localidade e provincia natais. Desde entón, a institución xienniense non só custodia con agarimo os importantísimos fondos hernandiáns senón que promove canta actividade cultural leve o nome e a obra literaria do escritor aos máis diversos ámbitos. En Quesada, patria da muller do poeta, Josefina Manresa, funcionan con moito éxito, no gran museo dedicado ao pintor Zabaleta, varias salas moi visitadas polos escolares andaluces, que agora teñen, no preciso e esclarecedor ensaio de García Montero, unha guía axeitada e moi útil para achegárense a Perito en lunas, El rayo que no cesa, Viento del pueblo, El hombre acecha...

Sería un acerto pedagóxico ofrecer unha breve biografía dos últimos anos do escritor non só para entender mellor estes libros senón algunhas das heroicidades íntimas do poeta, nomeadamente cando tivo que enfrontarse co vigairo Luis Almarcha (logo, bispo con Franco e procurador nas súas Cortes). A ese magnate eclesiástico dedicoulle un poeta de Lugo, Rafael Bárez, en 1973, uns versos xustos: xustos contra as súas inxustizas. Delas, en boa parte, morreu Miguel Hernández.